InicioEconomíaO Porto de Vigo pide manter "en suspenso" a venda de...

O Porto de Vigo pide manter “en suspenso” a venda de Vulcano mentres se dirime o conflito da concesión

O Porto trasladou o seu "total apoio" á actividade naval e á defensa da creación de postos de traballo vinculados á construción e reparación naval, aínda que se debe proceder "con total garantía xurídica".

PUBLICADO O

O Porto de Vigo, a través dos Servizos Xurídicos do Estado, presentou un recurso de reposición contra a venda do antigo estaleiro vigués Vulcano (que se formalizou este xoves nunha notaría da cidade) e pediu que dita venda se manteña “en suspenso” mentres non se dirime o conflito xurisdicional sobre a concesión das instalacións.

Esa concesión, outorgada e ampliada (ata 2027) no seu día polo propio Porto, formou parte da operación de venda da unidade produtiva, pero o organismo portuario sostén que, unha vez disolta Factorías Vulcano, esa concesión quedaba extinguida e non se podía incluír no procedemento de liquidación.

A Audiencia Provincial de Pontevedra deu a razón aos administradores concursais, que defenden que a concesión forma parte da unidade produtiva, pero un informe do Consello de Estado avala a rescisión. Ante a disparidade de criterios, o Porto expuxo un conflito ante o Tribunal de Conflitos Xurisdicionais, que aínda non se pronunciou.

“SEGURIDADE XURÍDICA”

É por iso que a Autoridade Portuaria presentou recurso de reposición ante o xulgado Mercantil 3, o mesmo día en que se asinaba a venda das instalacións (concesión incluída) a Marina Meridional, por 7,8 millóns de euros. O Porto pediu a suspensión da venda, que coñeceu “polos medios de comunicación”, e subliñou que “é imprescindible que calquera proxecto (…) achegar seguridade xurídica aos investidores”.

Ademais, tamén remitiu un burofax á administración concursal “lembrándolle a situación actual da concesión”, e engadiu que, se o Tribunal de Conflitos Xurisdicionais autoriza a venda de toda a unidade produtiva, incluída a concesión en dominio público portuario, “o prazo da devandita concesión vencería en 2027, debendo realizarse, chegada esa data, un concurso público”.

En todo caso, o Porto trasladou o seu “total apoio” á actividade naval e á defensa da creación de postos de traballo vinculados á construción e reparación naval, aínda que se debe proceder “con total garantía xurídica”.

A firma da escritura de compravenda das instalacións da desaparecida Vulcano tivo lugar este xoves e os novos propietarios do estaleiro tomaron posesión da propiedade ese mesmo día. De feito, nunha visita á atarazana e en declaracións aos medios, trasladaron a súa intención de retomar a actividade na empresa (que pasará a chamarse Estaleiros San Enrique) “de inmediato” e cifraron en “25 a 40” o número de empregos iniciais, que crecerán ata os 200 “a medio prazo”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...