InicioEconomíaO bus urbano de Vigo perdeu máis de 9 millóns de viaxeiros...

O bus urbano de Vigo perdeu máis de 9 millóns de viaxeiros en 2020 pola COVID

O goberno municipal vigués aprobou nunha xunta celebrada o pasado 30 de decembro compensar con 2,2 millóns de euros a Vitrasa polas perdas entre marzo e xuño.

PUBLICADO O

A concesionaria de bus urbano de Vigo, Vitrasa, pechou o ano 2020 con 12,84 millóns de viaxeiros transportados, o que supón unha baixada de máis do 40 por cento, debido ás restricións de mobilidade e á caída de usuarios pola pandemia de coronavirus.

Así o trasladou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, quen relatou que o maior descenso no número de viaxeiros produciuse entre os meses de marzo e xuño (coincidindo co primeiro estado de alarma).

Segundo explicou, a caída neses meses foi do 50 %, o 90,4 %, o 79 % e o 55 %, respectivamente, e algo máis moderada no resto de meses ata o final do ano, con baixadas de entre o 35 e o 41 %.

Precisamente, o goberno municipal vigués aprobou nunha xunta celebrada o pasado 30 de decembro compensar con 2,2 millóns de euros a Vitrasa polas perdas entre marzo e xuño (descontados os custos que a concesionaria se aforrou nese tempo), aínda que o rexedor sinalou que aínda non se pecharon os cálculos sobre o resto de perdas e as posibles compensacións que haberá que abonar á empresa.

Respecto diso, Abel Caballero lembrou que, como presidente da FEMP, chegara a un acordo co Goberno de España para o uso de remanentes e superávit nos concellos (previa cesión dos aforros municipais ao Executivo), que incluía un fondo para compensar as perdas nas concesionarias de servizos municipais, pero que non foi convalidado no Congreso. “Dese fondo, máis de 8 millóns de euros serían para Vigo. Sería bo que o PP e o BNG explicasen por que votaron en contra“, sinalou.

Segundo as estimacións da propia concesionaria do bus urbano, as perdas económicas pola pandemia, só entre marzo e setembro, ascenderon a 7,45 millóns de euros, aínda que o rexedor insistiu este martes en que o Concello segue facendo as súas estimacións.

CRÍTICAS DE MAREA DE VIGO

Por outra banda, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, volveu a criticar este martes nunha rolda de prensa a prórroga das concesións dos servizos de transporte urbano e abastecemento e saneamento de auga (á empresa Aqualia).

En concreto, lamentou que se perdeu unha “oportunidade histórica” para cambiar o sistema tarifario de transporte e articular novos bonos, así como bonificacións para desempregados. Deste xeito, advertiu de que a ampliación do contrato por un período de cinco anos impedirá pór en funcionamento regulamentos e “formas novas de entender o transporte público urbano”, e “nada vai axudar á situación (económica derivada da)/da) COVID”.

Respecto da prórroga da concesión a Aqualia, o edil cualificou como unha “derrota” para a cidade que a ampliación do contrato non vai permitir contar con “taxas públicas en concesións sociais” e unha “cobertura mínima” para as persoas en situación vulnerable.

Ademais, instou ao goberno local a explicar se a ampliación do contrato se vincula coa execución de “investimentos urxentes” ou se debe a un “intento de xustificar” o mantemento da recadación de 29 millóns de euros anuais por parte de Aqualia pese ao cambio tarifario.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...