Zendal recibirá máis de 300.000 euros para o envasado de vacinas anti-Covid

A empresa do Porriño reibirá o diñeiro do Goberno central. "A previsión é que se envasen máis de medio millón de doses de vacinas" di o delegado do Goberno, Javier Losada.

Zendal / zendal.com

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, anunciou este luns que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo concedeu unha subvención de 300.193 euros ao grupo Zendal, asentado no Porriño, para o desenvolvemento dunha liña de envasado de vacinas contra a COVID-19.

Segundo informaron nun comunicado, a subvención atópase dentro do ‘Plan de Axudas COVID-19’ do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, que financiará 47 proxectos relacionados coa produción e fabricación de produtos hixiénico-sanitarios relacionados a Covid.

O Grupo Zendal, tal e como lembrou Javier Losada, encargarase do envasado da vacina seleccionada pola Coalición para a Promoción de Innovacións para a Preparación ante Epidemias (CEPI), que fornecerá á Unión Europea. “A previsión é que se envasen máis de medio millón de doses de vacinas”, sinalou o delegado, que engadiu ademais que o envasado é unha parte “vital e crítica” na fabricación dunha vacina, xa que permite ofrecer o antígeno ao paciente “de forma segura e eficaz”.

Por outra banda, o delegado do Goberno en Galicia lembrou tamén que a filial de Zendal, Biofabri, foi elixida en setembro pola empresa americana Novavax para a produción industrial do antígeno da súa vacina en Europa. Estes feitos, sinalou Losada, colocan a Galicia no mapa internacional da loita contra o Coronavirus e convértena nunha peza “crave” na solución á crise sanitaria “como referente na fabricación de vacinas”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here