A Universidade de Vigo instou este luns a empresas, administracións e institucións a “coller o tren” das axudas europeas para a recuperación económica, concretadas no proxecto ‘Next Generation EU’, para impulsar a reindustrialización, o crecemento sustentable e a competitividade.
Así o trasladou o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, durante o acto de inauguración virtual das Xornadas de Automatización Industrial (JAI 2020) que, na edición deste ano, celébranse en formato dixital e que organiza a Escola de Enxeñaría Industrial da institución académica viguesa.
Reigosa sinalou que, a pesar da actual crise provocada pola pandemia de coronavirus, “hai esperanza” e referiuse a a “aposta europea de primeiro nivel”, con “fondos francamente xenerosos” para abordar a reconstrución económica e social. “Teremos un futuro brillantes se somos capaces de coller ese tren”, sinalou, e instou a facer “unha aposta clara pola innovación, a dixitalización e a ecoloxía”.
A ese respecto, apuntou que as empresas “deben ser tractoras”, e que Galicia debe aproveitar o seu “talento”, a capacidade do seu tecido produtivo e o potencial dos seus centros tecnolóxicos. “A Universidade quere ser unha parte activa (nese proceso). Temos talento nas aulas, nos despachos e nos laboratorios”, engadiu. O reitor reiterou que hai que “ser intelixentes” e “aproveitar o impulso” que ofrece a UE a través destes fondos para “reindustrializar” o territorio e “ser competivivos”.
“ADAPTARSE CON AXILIDADE E DETERMINACIÓN, OU DESAPARECER”
No acto de apertura das JAI participaron representantes de diversas organizacións e empresas, entre eles o responsable do Polo Ibérico do grupo PSA, Juan Antonio Muñoz Codina, quen subliñou que, nas actuais circunstancias, cunha “contorna sacudida continuamente por eventos inesperados”, é vital a “adaptación”.
“Trátase de adaptarse con axilidade e determinación, ou desaparecer”, advertiu, e referiuse ao caso do grupo PSA que, a día de hoxe, conseguiu recuperar os volúmnes de produción previos á pandemia, pero se guía pola premisa da “prudencia” porque “a contorna é moi incerto e volátil”.
Na mesma liña, outros participantes na inauguración das xornadas apelaron á adaptación para afrontar novos retos nas industrias e empresas, como o director de Denso Sistemas Térmicos e membro do padroado de CEAGA, Roberto Cavallo, quen fixo un chamamento a “non perder a oportunidade” dos fondos europeos para “impulsar novos plans industriais”.
Así mesmo, o presidente de ASIME, Justo Sierra, apostou por adaptar os procesos de automatización a un escenario que cada vez require máis axilidade, flexibilidade e atención a unha demanda fragmentada.