Alcaldes do PP din que “sen transporte igualitario” non queren Área Metropolitana de Vigo

Din que "mentres Abel Caballero sexa alcalde de Vigo", a área non será posible. O goberno vigués acúsaos de defender á Xunta por enriba dos seus propios veciños e territorios.

Alcaldes e portavoces do PP na comarca de Vigo, ante a estación de buses da cidade / PP.

Alcaldes e alcaldesas, e portavoces municipais da comarca de Vigo advertiron este luns de que, “sen transporte igualitario”, non queren a Área Metropolitana, porque sería un ente supramunicipal “con veciños de primeira e veciños de segunda“, e lamentaron que, “mentres Abel Caballero sexa alcalde de Vigo”, a área non será posible.

Así o trasladaron nunha comparecencia este luns, ante a dársena da estación de buses da Avenida de Madrid, e na que a rexedora de Mos, Nidia Arévalo, lanzou unha mensaxe ao alcalde de Vigo: “Xa está ben, mentres Abel Caballero sexa alcalde non haberá Área Metropolitana”.

Segundo lembrou, o rexedor olívico “asinou un documento” no que se comprometía á adhesión do transporte urbano ao sistema de transporte metropolitano. “Demostrou que era unha mentira máis. Para que queremos unha Área Metropolitana se non somos capaces de pornos de acordo no esencial?”, cuestionou a alcaldesa de Mos.

A ese respecto, lembrou que Vigo “non sería o que é hoxe sen os 14 municipios da súa contorna” e lamentou que Abel Caballero quixese converter o ente supramunicipal “nun chiringuito máis onde confrontar co presidente da Xunta”.

“Non estamos dispostos a perder nin un minuto máis, que o alcalde de Vigo se siga rindo de nós. Non pode ser unha Área Metropolitana con veciños de primeira e de segunda, senón que todos temos que ter un transporte igualitario, os mesmos servizos e os mesmos prezos”, proclamou Nidia Arévalo.

Na mesma liña, o portavoz municipal do PP en Vigo, Alfonso Marnotes, sinalou que a sentenza que anula a posta en marcha da área (por non cumprirse o requisito de integrarse no plan de transporte metropolitano) é “un novo revés” para Abel Caballero, ao que lembrou que a súa posición de “confrontación absurda” prexudica os veciños da comarca pero tamén aos vigueses, que non poden beneficiarse de bonificacións nas súas viaxes interurbanas.

Así mesmo, recalcou que Caballero “ten que cumprir a lei” da área, unha norma que se aprobou por unanimidade, nunha sesión parlamentaria na que o propio rexedor estivo presente, “celebrando esa aprobación”.

RESPOSTA DO GOBERNO VIGUÉS

Pola súa banda, o goberno municipal vigués respondeu a estas palabras a través do seu portavoz, o edil socialista Carlos López Font, quen acusou aos rexedores ‘populares’ de “defender a Feijóo” por enriba dos intereses dos seus propios veciños e territorios.

“A alcaldesa dun municipio crebado non nos vai a ensinar nada”, proclamou López Font, en alusión a Nidia Arévalo, e insistiu en que “Vigo nunca vai pagar o transporte dos de fóra”. “Feijóo cre que Vigo está para pagar o que a Xunta non paga”, resolveu, e lembrou que, segundo a sentenza que anula a posta en marcha da área, este ente supramunicipal está, no entanto, legalmente constituído e ten un presidente, que é Abel Caballero.