InicioEconomíaBiofabri empezará "en dous ou tres meses" a produción da vacina contra...

Biofabri empezará “en dous ou tres meses” a produción da vacina contra a COVID

A empresa anuncia que o nivel de produción será de "centos de millóns de doses" mentres segue co proceso de compra da maquinaria para o procedemento industrial.

PUBLICADO O

A planta de Biofabri no Porriño, do grupo biofarmacéutico Zendal, iniciará a produción da vacina contra o COVID-19 “en dous ou tres meses” e, aínda que o volume de fabricación depende de varios factores, avanzou que producirá “centos de millóns” de doses.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, o Conselleiro Delegado de Zendal, Andrés Fernández, que explicou que, nestes momentos e tras o acordo coa farmacéutica americana Novavax, Biofabri iniciou o proceso de transferencia tecnolóxica e de dotación de equipamento para levar a cabo a fabricación.

Unha vez finalizada esa transferencia, na que tamén traballan con persoal de Novavax desprazado ao Porriño, iniciarase a produción da vacina, en paralelo á realización dos ensaios da fase 3. “Están a facelo todas as empresas farmacéuticas, adiantar a produción (antes de que acabe a última fase de ensaios) para que, en canto sexa posible, a poboación poida vacinarse”, precisou.

Nestes momentos, sinalou, Biofabri está a adquirir a maquinaria precisa para dar resposta ao elevado volume de fabricación, que alcanzará os “centos de millóns” de doses, e para multiplicar a súa capacidade de envasado aínda que, no contrato asinado con Novavax, o proceso de envasado non está contemplado “de momento“. “Fabricaremos todo o que poidamos fabricar”, subliñou o CEO do grupo.

Segundo sinalou Andrés Fernández, o grupo Zendal “leva tempo traballando neste proxecto” e houbo que facer “adaptacións” na planta de Biofabri e “pedir axuda á Axencia do Medicamento para que inspeccionase a nova instalación”.

Ademais, lembrou, a biofarmacéutica traballa desde hai anos no desenvolvemento da vacina MTBVAC contra a tuberculose e, neste tempo, ha ido “buscando clientes”. “Tiñamos contacto con Novavax, e grazas a eses contactos e ao traballo de desenvolvemento de negocios durante estes anos, agora imos fabricar a vacina aquí”, recalcou.

REFORZO DE PERSOAL

O CEO de Zendal sinalou, así mesmo, que o 70 por cento dos algo máis de 300 traballadores do grupo está a traballar en proxectos relacionados co SARS-COV-2 (o do acordo con Novavax e outros dous proxectos co CSIC). Ademais, incidiu, incrementou o seu persoal e volverá contratar persoal sempre que sexa necesario, aínda que precisou que require de traballadores con “experiencia e formación previa”.

“Todos temos que axudar na pandemia, e hai moi poucos fabricantes (da vacina) en Europa. A nosa capacidade é pequena, por iso estamos a apostar moi forte para levar isto adiante e poder fabricar máis cantidade de vacinas”, afirmou Andrés Fernández, quen lembrou que a comercialización deste produto dependerá dos permisos das axencias sanitarias, e que empezará “probablemente no segundo semestre do ano que vén”.

O CONCELLO DO PORRIÑO ORGULLOSO

O Concello do Porriño trasladou este mércores o seu “orgullo” porque unha empresa local, Biofabri (do grupo biofarmacéutico Zendal), sexa a primeira de España en producir unha vacina contra o COVID-19.

A través dun comunicado, a alcaldesa desta localidade, a socialista Eva García de la Torre, sinalou que é un motivo de “alegría e satisfacción” que unha empresa asentada no seu termo municipal reciba un encargo (tras un acordo coa compañía americana Novavax) “que acredita o alto grao de especialización e recoñecemento a nivel mundial” da industria porriñesa.

García de la Torre lembrou que, o pasado mes de xullo, o Ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, visitou as instalacións de Biofabri, tras a concesión de case un millón de euros en subvencións por parte do Goberno de España para continuar a investigación en vacinas.

A alcaldesa, que ofreceu “toda a colaboración que sexa posible desde o Concello do Porriño” a Biofabri, lembrou que a planta biofarmacéutica e o grupo ao que pertence “teñen as súas raíces nos proxectos de familias como os Fernández López, que crearon o grupo Zeltia hai máis de 80 anos“.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...