O BNG insta o Ministerio para a Transición Ecolóxica a oporse ao novo recheo do porto do Berbés

A proposta dos nacionalistas para que o porto de Vigo siga sendo competitivo pasa por pór en funcionamento o porto seco de Salvaterra-As Neves.

Vista do Berbés e o porto de Vigo / © Miguel Núñez

O BNG instou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ha opor se ao novo recheo portuario do Berbés, por carecer “xustificación” e, no caso de materializarse, por constituír unha “nova agresión ambiental” á ría.

O deputado Néstor Rego trasladou ao Congreso as advertencias do grupo municipal do BNG, que alertan de que a Autoridade Portuaria de Vigo está a deseñar “novos recheos na ría coa escusa de conseguir máis superficie para desenvolver a actividade portuaria”.

Estas obras, conforme alertou o BNG, “afectarían negativamente os sectores do mar, ao turismo e á calidade ambiental da ría e dos seus habitantes”.

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, destacou que por causa desta “práctica depredadora” perdéronse os mellores bancos marisqueiros e de pesca, causando a “perda de miles de postos de traballo e un dano irreversible ao ecosistema”. “O tempo dos recheos na ría de Vigo terminou”, salientou.

O BNG non ve necesario seguir ocupando a lámina de auga con novos recheos. Así, a proposta dos nacionalistas para que o porto de Vigo siga sendo competitivo e poida mellorar a súa actividade, pasa por pór en funcionamento o porto seco de Salvaterra-As Neves (PLISAN) cunha liña de ferrocarril que axilice o tránsito de mercadorías entre ambas as plataformas.

Pérez Igrexas sinalou que estes proxectos que se promoven sen contar co máis mínimo apoio social e sen o consenso do Concello de Vigo nin de ningún outro actor, quérense impulsar a pesar de que a Autoridade Portuaria carece dunha Delimitación de Espazos e Usos Portuarios nin dun Plan Especial en vigor.