Asime insta ao Porto de Vigo a non poñer atrancos e rexeitar a recuperación da concesión de Vulcano

Sindicatos insisten na necesidade de que as institucións actúen para garantir o mantemento da actividade industrial nos terreos. Caballero apoia ós sindicatos e indica que sería "conveniente"manter a actividade.

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, tras a reunión mantida cos representantes sindicais

O secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), Enrique Mallón, apelou á “responsabilidade” dos integrantes do consello de administración do Porto de Vigo para que na súa reunión deste venres “fagan o posible” para que se manteña a actividade industrial nos terreos do antigo estaleiro Factorías Vulcano e se abandone  a intención de recuperar a concesión.

Tras unha reunión celebrada en Vigo este martes con representantes dos sindicatos CC.OO., CIG e UGT; Mallón avanzou que Asime solicitará aos representantes da Xunta, o Concello de Vigo, a Zona Franca, sindicatos e agrupacións empresariais que se poida desenvolver nas instalacións de Teis un proxecto de construción e reparación naval “a partir de setembro ou outubro”.

“Non nos vale con que se absteñan ou se remitan ao ditame do Consello de Estado”, advertiu Mallón á vez que insistiu en que este ten un carácter consultivo e non de obrigado cumprimento. Así, criticou que se filtrou este documento dirixido ao ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, que ve extinguida a concesión e reprobou que o presidente do Porto opinase sobre o mesmo a pesar de que “partes implicadas aínda non coñecen ese informe de modo oficial”.

Neste sentido, o secretario xeral de Asime incidiu en que na reunión deste venres na que se abordará a situación de Vulcano estes representantes deben reclamar que “se abandone definitivamente a recuperación da concesión” dos terreos, que finaliza en 2027. A ese respecto, remarcou que a Audiencia Provincial avalou que a venda de unidade produtiva incluía a concesión do dominio portuario.

Mentres, lembrou que o presidente do Porto de Vigo, Enrique López Veiga, afirmou que aceptaría a sentenza. No entanto, reprobou que a Avogacía do Estado, en representación do Porto de Vigo, solicitase que se mantivese “en suspenso calquera actividade de execución do plan de liquidación sobre a concesión, en tanto non fose emitido polo Consello de Estado” o ditame sobre o expediente da extinción desta.

POSICIÓN DOS SINDICATOS

Pola súa banda, tras a reunión, o secretario xeral de Industria de CCOO na zona, o sindicato que preside o comité de empresa de Vulcano, Celso Carneiro, incidiu en que resulta “fundamental” dispor de instalacións de reparación naval na cidade, xa que estes labores levan a cabo no porto de descarga.

Así, asegurou que Asime e as centrais deben exercer unha “fronte común” para defender unha aposta pola industria e advertiu de que “sería un erro” utilizar “artimañas legais para non fortalecer un sector que leva anos en decadencia”.

Ademais, o seu homólogo en UGT, Rubén Pérez, instou aos representantes das administracións a actuar e criticou que aseguren que apostan pola industria e non faciliten “unha saída” nesa liña para as instalacións de Teis. Así, destacou que existen ofertas que “denotan o interese por manter a actividade industrial” e afirmou que se debe traballar para “fortalecer” o sector.

O secretario xeral de Industria da CIG en Vigo, Xulio Fernández, resaltou que o cumprimento do ditame emitido polo Consello de Estado non resulta “obrigatorio” e insistiu en que Vulcano debe “subsistir” vinculado á actividade industrial.

CABALLERO: “A ESTRUTURA NAVAL É IMPORTANTÍSIMA”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que considera “conveniente” o mantemento da actividade industrial nos terreos do antigo estaleiro, que se atopa en proceso de liquidación. Preguntado tras unha rolda de prensa celebrada este martes en

O rexidor avanzou que esperará a coñecer a formulación dos servizos xurídicos do Porto, aínda que sinalou que a súa posición inicial “está moi próxima ao que expoñen os sindicatos”, que reclaman o mantemento da actividade. “A nosa posición é a favor da industria”, asegurou tras incidir en que Vigo precisa do seu “fortalecemento”.D