InicioEconomíaUsuarios do Porto de Vigo volven pedir exención de taxas ante a...

Usuarios do Porto de Vigo volven pedir exención de taxas ante a súa situación “dramática”

Piden que se apliquen ata final de ano ou, se non é posible, que se apracen pagos ata 2021.

PUBLICADO O

A Federación de Usuarios do Porto de Vigo (FUPV), que aglutina a varias organizacións e a unhas 600 empresas, volveu reclamar este venres exencións de taxas portuarias, polo menos ata final deste ano, dada a situación “dramática” que atravesan pola caída de actividade derivada da crise sanitaria do coronavirus.

O presidente da Federación, Enrique Mallón, proclamou que “é tempo de exencións, máis que de bonificacións ou adiamentos”, e reiterou que a rebaixa de taxas portuarias (ata un máximo do 20 %) aprobada por Portos do Estado é “absolutamente insuficiente” e mesmo “ridícula”.

Por iso, esta asociación dirixiuse a Portos do Estado (e á Autoridade Portuaria de Vigo) para reclamar que se elabore “un novo Real Decreto” para dar resposta á necesidade destas empresas. “Que sexan valentes, e que apoien aos portos”, pediu, á vez que reclamou que haxa exencións polo menos ata final de ano ou que, se non é posible, se apracen os pagos ata o 2021, porque esa necesidade “é un clamor”.

Enrique Mallón rexeitou a mensaxe de que o Porto de Vigo “vai ben” porque, segundo recalcou, non só o tráfico de cruceiros se reduciu “ao cero por cento”, senón que a inactividade na terminal ro-ro de Bouzas “é practicamente total”. De feito, segundo as súas estimacións, haberá “unha caída do 25 por cento en tráficos e movemento de mercadorías como mínimo, no escenario máis optimista e se non hai rebrotes de coronavirus aquí ou nos países cos que tratamos”.

TAXAS POR ADIANTADO

A ese respecto, o presidente da Federación indicou que é “inadmisible” que haxa empresas pagando taxas, mesmo por adiantado, cando teñen os barcos amarrados, ou cando están case sen actividade debido, entre outros factores, á caída de vendas da canle Horeca (hoteis, restaurantes e cafetarías).

Mallón pediu á Autoridade Portuaria de Vigo “comprensión” e “que se poña do lado” dos usuarios do porto, que son o “motor” da terminal olívica, e sinalou que, se non houbo ata agora solicitudes para acollerse á rebaixa de taxas é porque as empresas ven “ridículas” as bonificacións acordadas.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...