O presidente da Cámara de Comercio de Vigo, José García Costas, ingresado con coronavirus

O empresario vigués, de 75 anos de idade, leva varios días hospitalizado por unha pneumonía.

Asteleiros
José García Costas (no centro) / © Miguel Núñez.

O empresario do naval e presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, José García Costas, permanece ingresado no hospital Povisa de Vigo, afectado por unha pneumonía e infectado por coronavirus.

O empresario vigués, de 75 anos de idade, leva varios días hospitalizado por unha pneumonía, aínda que non chegou a ingresar na Unidade de Coidados Intensivos, e deu positivo en COVID-19. Así, permanece en planta recuperándose e xa non presenta febre nin dificultades respiratorias.

García Costas era, ata hai uns meses, o director do maior estaleiro privado de España, Hijos de J. Barreras, pero foi cesado polo accionista maioritario (PMI, filial da petroleira mexicana Pemex). No entanto, posúe o 24,4 por cento das accións da empresa, a través das súas compañías Emenasa e Baliño.

Ademais de presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, é membro do Consello de Administración do Porto, do comité executivo de Zona Franca e doutros organismos.