InicioEconomíaO alcalde critica que a Xunta volva ofrecer "un ridículo" millón de...

O alcalde critica que a Xunta volva ofrecer “un ridículo” millón de euros para saneamento en Teis

"Unha vez máis, a Xunta mente, engana e non informa, porque dese millón de euros, un 80 por cento procede de fondos europeos", argúe Abel Caballero

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou este luns a oferta feita pola Xunta, de asinar un convenio para mellorar o saneamento na parroquia de Teis, no que o goberno autonómico achegaría un millón de euros, e lembrou que o Concello xa rexeitou esa oferta en decembro pasado, porque un millón é unha cifra “ridícula” e a execución desas actuacións requiriría un investimento de 3 millóns de euros.

O rexedor olívico confirmou que recibiu unha carta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na que expón a firma dun convenio e a achega dun millón de euros por parte da Xunta para melloras no saneamento de Teis. “Unha vez máis, a Xunta mente, engana e non informa (…), porque dese millón de euros, un 80 por cento procede de fondos europeos”, matizou.

Caballero, así mesmo, lembrou que esta oferta xa foi trasladada ao Concello hai tempo e que o goberno local rexeitouna por considerar que era necesario un maior investimento. Así, a administración municipal fixo unha contraoferta: acometer obras en varias rúas e infraestruturas de saneamento por valor de 3 millóns de euros, dos que o Concello achegaría un terzo, a Xunta outro millón de euros de fondos propios e un millón máis a través de fondos da UE.

Segundo Caballero, a última carta da conselleira supón “un recorte de dous millóns de euros para Teis”. “Pero xa nos dá igual o que diga este Goberno, falarémolo co seguinte”, engadiu, en alusión á celebración de eleccións autonómicas galegas o próximo 5 de abril.

Finalmente, o alcalde insistiu en que Ethel Vázquez tamén “mentiu” sobre outra cuestión na súa misiva, ao asegurar que a Xunta achegou 75 millóns de euros á nova estación depuradora (EDAR) de Vigo.

Segundo Abel Caballero, o Goberno central, a través de fondos europeos, puxo case 85 millóns de euros, e o Concello de Vigo, case 13 millóns. A achega da Xunta, de 69,4 millóns, recalcou, pasa de ser un desembolso a ser un ingreso, posto que o Goberno galego cobra aos vigueses un canon de saneamento.

Segundo os cálculos de Abel Caballero, en 2027, cando finalice o prazo de pago da EDAR, a Xunta non só non poría diñeiro, senón que obtería un beneficio de 25,7 millóns “a cambio de nada”, en virtude dese canon que se cobra “no recibo” da auga. “Poderiámolo facer cun banco e sairíanos máis barato”, apuntou o alcalde.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...