InicioEconomíaLópez Veiga insiste sobre os terreos de Vulcano: "Hai máis demanda en...

López Veiga insiste sobre os terreos de Vulcano: “Hai máis demanda en loxística que en naval”

Sindicatos insisten en que hai que retirar o recurso sobre a concesión "canto antes".

PUBLICADO O

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, subliñou este venres que será o Consello de Administración deste organismo o que decida o futuro uso dos terreos do estaleiro Vulcano, aínda que advertiu de que o Plan Especial do Porto prevé para a zona actividade naval ou outros usos portuarios, á vez que apuntou: “A demanda en naval é máis limitada que en loxística”.

Así o trasladou na rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Administración, na que explicou que o Avogado do Estado trasladou aos membros do órgano a situación dos terreos, a pesar de que non estaba na orde do día. Segundo lembrou, o futuro deses espazos está pendente da resolución dun recurso interposto polo Porto no proceso de liquidación do estaleiro. Así, a Autoridade Portuaria considera que a concesión deses terreos portuarios non se pode poxar, porque quedou extinguida ao disolverse Vulcano.

Cando se resolva esta cuestión xurídica (pendente dun informe do Consello de Estado), López Veiga afirmou que decidir “o que se faga neses terreos é competencia exclusiva do Consello de Administración“, que “tomará a decisión que considere máis oportuna”.

COMPETENCIA DO CONSELLO

A ese respecto, afirmou que, como presidente, non pode prexulgar os usos debe ter ese espazo, e engadiu que “se hai un proxecto de construción naval importante veríase”. No entanto, advertiu: “A demanda en naval é máis limitada que en loxística, e o apuro que temos en loxística é maior que en naval“.

López Veiga puntualizou que a principal misión do porto de Vigo é “asegurar o intercambio de mercadorías” e suliñou que o sector loxístico “tamén xera moitísimo emprego”. Sen unha boa loxística, recalcou, estar a minguar a eficacia, por exemplo, dunha planta como PSA Peugeot Citroën.

RETIRADA DO RECURSO

Pola súa banda, tanto o representante sindical no Consello de Administración, Anxo Igrexas (CIG), como o portavoz de Industria de CC.OO., Celso Carneiro, insistiron na necesidade de que se retire o recurso contra a liquidación de Vulcano “canto antes” para facer viable un investimento nas instalacións e retomar a actividade de construción e reparación naval.

A ese respecto, Carneiro volveu a criticar que a presentación do recurso foi unha decisión unilateral do presidente do Porto, ao que estudan denunciar ante os tribunais por “interferir” nunha posible salvación de Vulcano, e esixiu “vontade política” para que “se cumpra o que se prometeu” ao persoal.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...