InicioEconomíaVigo bota o buque co que Bélxica combaterá o cambio climático e...

Vigo bota o buque co que Bélxica combaterá o cambio climático e coa promesa de Feijóo de revitalizar a industria naval

O presidente da Xunta anuncia un plan de formación do sector naval para mellorar a cualificación de máis de 5.200 persoas.

PUBLICADO O

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou un plan de plan de formación do sector naval para mellorar a cualificación de 5.220 persoas que se espera aprobar este xoves na sesión semanal do Consello.

Durante a súa intervención no acto de botadura do buque oceanográfico ‘Bélgica’, que tivo lugar en Vigo, o xefe do Executivo autonómico detallou que se destinarán 18 millóns de euros a este programa formativo, que ofertará 435 cursos entre 2020 e 2022.

Neste sentido, o presidente do Goberno galego concretou que, mediante este plan, poranse en marcha 150 unidades formativas en empresas que beneficiarán a 1.800 persoas sen emprego; unha actuación na que se investirán 3 millóns de euros.

Así mesmo, Feijóo indicou que se destinarán 12 millóns de euros ao desenvolvemento de 165 cursos de formación para 1.980 persoas desempregadas da industria naval. Mentres, consignáronse 2 millóns de euros a 120 accións formativas cuxos beneficiarios serán 1.440 ocupados.

Adicionalmente, indicou que a Xunta investirá 1 millón de euros na modernización de talleres e no equipamento de centros formativos de titularidade autonómica. Na mesma liña, o presidente do Goberno galego precisou que o Executivo autonómico tamén achegará 1,2 dos 3 millóns de euros que se investirán no programa Empreganav II, que busca a reinserción laboral de persoas do sector naval e a industria auxiliar.

SITUACIÓN DO SECTOR

Na súa intervención, Feijóo puxo en valor que o sector naval galego some 40.000 traballadores, o que, segundo remarcou, representa “a mellor cifra de afiliación dos últimos cinco anos”. Así, subliñou que se incrementaron en 13 por cento os afiliados, mentres os parados se reduciron nun 33 por cento.

Deste xeito, o xefe do Executivo galego falou dunha boa situación do sector a pesar dos “problemas” que tiveron lugar nalgúns estaleiros, segundo apuntou en alusión a Hijos de J. Barreras, que recentemente evitou entrar en concurso de acredores, e Factorías Vulcano, cuxo persoal foi sometido a un expediente de regulación de emprego extintivo a finais de verán.

O presidente da Xunta incidiu así no “peso” que representa o sector naval na economía galega e lembrou que achega o 4 por cento do seu Produto Interior Bruto (PIB). Ademais, insistiu no feito de que o 55 por cento dos buques que se constrúen en España fanse en Galicia, así como en que o país asume o 60 por cento da carga de traballo do sector en todo o país.

Tamén resaltou que o 92 por cento dos buques construídos en Galicia expórtanse, así como que só os Países Baixos superan os pedidos encargados a estaleiros a nivel europeo.

BOTADURA

O director xeral do estaleiro vigués Freire, Guillermo Freire, sinalou a ciencia como a “palabra clave” que definirá o labor que levará a cabo o buque oceanográfico que se construíu na ría de Vigo, denominado ‘Bélgica’.

Durante a súa intervención no acto de botadura, o director xeral detallou que o buque conta con 70 metros de eslora e dispón de capacidade para acoller 40 persoas. Deste xeito, puxo en valor que a súa construción xerase máis de 250 empregos durante máis de dous anos e detallou que foi encargado polas autoridades belgas para levar a cabo tarefas de investigación.

En concreto, o presidente do Consello de Directores da Oficina Federal da Policía Científica belga, Pierre Bruyere, e o contraalmirante das Forzas Armadas do país, Yves Dupont, sinalaron que o buque levará a cabo labores de investigación relacionadas co estudo das consecuencias do cambio climático e permitirá a Bélxica “cumprir as súas obrigas coa protección do medioambiente”. Adicionalmente, a directora xeral do Real Instituto Belga de Ciencias Naturais (RBIN), Patricia Supply, eloxiou o traballo de construción do barco, sobre o que se asegurou que se teñen “altas expectativas”.

Sobre este punto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, concretou que o orzamento que permitiu construír o ‘Bélxica’ ascendeu a 54 millóns de euros e apuntou que este buque permitirá levar a cabo estudos en distintas materias, como bioloxía e xeoloxía. Deste xeito, destacou o labor realizado por Freire, que este ano celebra o seu 125 aniversario, e lembrou que recentemente foi escollido para construír un buque atuneiro, cerqueiro e conxelador para o Grupo Calvo.

En relación ao estaleiro, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, eloxiou a súa “tecnoloxía” e a súa “capacidade de desenvolvemento” e asegurou que forma “parte” da cidade. Así, destacou a importancia do sector naval na maior urbe galega, xa que, segundo afirmou, converteuse no seu “pulmón”.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, tamén destacou a relevancia deste sector e lembrou que os 76 estaleiros de Galicia facturaron 243 millóns de euros no último ano.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...