InicioEconomíaFiscalía pedirá o reintegro de peaxes cobradas de forma "abusiva" durante as...

Fiscalía pedirá o reintegro de peaxes cobradas de forma “abusiva” durante as obras de Rande

Censura que se cobrou a taxa íntegra a pesar de que os atascos impideron dar un servizo en perfectas condicións.

PUBLICADO O

A Fiscalía manterá no xuízo que se celebrará contra Audasa, a partir do martes no Mercantil 1 de Pontevedra, que debe reintegrarse o importe das peaxes cobradas de forma abusiva durante a execución das obras de ampliación da ponte de Rande, tal e como xa expuxo na demanda colectiva que presentou en decembro 2018.

Segundo comunicou o Ministerio Público, na vista manterá as teses que lle levaron a formular a demanda por práctica abusiva, e que parten do feito de que, entre o 27 de febreiro de 2015 e o mes de xuño de 2018, a ampliación da autoestrada nese tramo “afectou de forma relevante e constante ao tráfico” e ocasionou “que a fluidez da circulación diminuíse, sendo preciso empregar máis tempo do habitual para percorrer a mesma distancia de autoestrada”.

Nesas circunstancias, nas que se sucederon embotellamentos e retencións “de forma constante e cotiá”, a concesionaria Audasa mantivo o cobro íntegro da peaxe, que mesmo se incrementou a partir do 1 de xaneiro de 2018.

Segundo a Fiscalía, o pago da peaxe ten o carácter de contraprestación porque se entrega a cambio de recibir unha prestación, que é o uso en perfectas condicións de fluidez, velocidade e seguridade dunha vía de alta capacidade. Neste sentido, considera “abusiva” a esixencia da totalidade do importe da peaxe “a pesar de ter completa constancia de que non se pode prestar o servizo en tales condicións”.

REINTEGRO DAS PEAXES

Por todo iso, confirmou que solicitará durante o xuízo que se dite sentenza pola que se declare nula a práctica consistente en cobrar integramente a peaxe da autoestrada en todo caso e que se condene á demandada a “cesar en dita práctica e a absterse de utilizala en diante en calquera autoestrada que xestione en España”.

Tamén reclamará que se reintegre o importe das peaxes aos usuarios (excluídos condutores profesionais e empresas de transporte de mercadorías ou pasaxeiros) e que se lles pague unha indemnización do dobre do importe desas peaxes.

Por outra banda, a Fiscalía lembrou que presentou recurso opóndose á comparencia na causa da Avogacía do Estado porque este procedemento “se cingue estritamente ao ámbito da explotación comercial da infraestrutura pola concesionaria, desde a perspectiva civil e privada das súas relacións cos usuarios”.

“Isto determina que a Administración Xeral do Estado non poida ter interese directo e lexítimo no preito, máis aló da defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, posición que xa asume a Fiscalía”, precisou o Ministerio Público.

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Sae o vehículo número 16 millóns de Stellantis, un Fiat E-Dobló 100% eléctrico

Stellantis Vigo produciu este martes o seu vehículo número 16 millóns desde que a...

Expertos analizan no Porriño o “difícil” camiño das vacinas pendentes

A Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en colaboración con Zendal, organizaron no...