InicioEconomíaO Porto de Vigo inclúe novos recheos e a compra de terreos...

O Porto de Vigo inclúe novos recheos e a compra de terreos anexos a Vulcano no seu plan de empresa

O plan foi aprobado polo Consello de Administración por maioría.

PUBLICADO O

O Consello de Administración do Porto aprobou este venres por maioría (aínda que coa oposición dos concellos de Vigo e Redondela, de Zona Franca e do representante sindical, de CC.OO.) o seu plan de empresa para 2020, que contempla, entre outros investimentos, as obras de recheo no peirao de comercio e en Bouzas, e a compra duns terreos anexos ao dominio portuario do estaleiro Vulcano.

Segundo o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, a compra desa “parte privada” de Vulcano, para a que se reserva unha partida de case 5 millóns de euros, só se activaría no caso de que o Consello de Estado dea a razón ao Porto e considere extinguida a concesión administrativa.

Se iso ocorre, o Porto activaría esa compra para “reconstituir a unidade produtiva”, de maneira que esas instalacións poidan ser concesionadas novamente, e sempre para actividades navais ou marítimas. No caso de que se manteña a prórroga da concesión e esta forme parte da liquidación de Vulcano, a compra deses terreos “non ten sentido”.

En todo caso, incidiu López Veiga, antes de acometer ningún investimento ou obra das contempladas no plan de empresa, comprometeuse a sometelas novamente a debate no Consello de Administración portuario.

O presidente do organismo insistiu en que, segundo a legalidade, unha vez disolta Vulcano, a concesión extínguese e retorna ao Porto. A partir de aí (e xa cos terreos privados incluídos) pódese tramitar unha nova concesión, dando a oportunidade de optar a todas as empresas interesadas que cumpran certos requisitos.

Ademais, López Veiga admitiu que, á marxe do grupo Vicalsa (que xa manifestou publicamente o seu interese por instalar neses terreos un centro de construción e reparación naval, cun investimento de 10,5 millóns de euros), hai outro grupo empresarial interesado, do que non desvelou datos, e que aínda non presentou un proxecto concreto.

PROTESTAS

Este venres, durante a celebración do Consello de Administración, traballadores de Vulcano concentráronse ás portas do Edificio de Sesións do Porto para reclamar unha solución á súa situación e para pedir á Autoridade Portuaria que facilite a continuidade da actividade industrial neses terreos.

A ese respecto, o presidente do comité, Nicolás Sangabriel (CC.OO.), lamentou que, se a concesión de Vulcano se extingue e queda fóra da liquidación do estaleiro, o persoal apenas terá posibilidades de cobrar as súas indemnizacións, agás a parte que lles poida abonar o FOGASA.

Por outra banda, tamén se concentraron ás portas do Edificio de Sesións delegados da CIG, encabezados polo secretario comarcal, Alberte Gonçalves, para denunciar que o presidente do Porto “impide” ao sindicato ter ao seu representante no Consello de Administración, a pesar de que a central nacionalista gañou as eleccións no Porto de Vigo.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...