InicioEconomíaAbsolta a cúpula de Caixanova polo 'pelotazo' inmobiliario en Rivas Vaciamadrid

Absolta a cúpula de Caixanova polo ‘pelotazo’ inmobiliario en Rivas Vaciamadrid

A Audiencia Nacional considera que cumpriron coa "función que lles era propia no cargo que ostentaban" e que non actuaron "co propósito de causar un dano económico" á entidade cunha operación que xerou un prexuízo de 41,8 millóns de euros.

PUBLICADO O

A Audiencia Nacional absolveu o expresidente de Caixanova Julio Fernández Gayoso e a outros tres membros da antiga cúpula da entidade no caso pola errada operación inmobiliaria en Rivas Vaciamadrid (Madrid), a cal xerou un prexuízo de 41,8 millóns de euros.

Na súa sentenza, coñecida este xoves, a sección cuarta da sala do penal entende que todos os acusados, entre os que tamén estaba o exdirector xeral José Luis Pego, o seu adxunto, Gregorio Gorriarán, e o exdirector da división de planificación financeira Domingo González Mera, cumpriron coa “función que lles era propia no cargo que ostentaban”.

Así mesmo, considera que ningún deles “se  prevaleu da súa posición na entidade” en prexuízo desta, senón que “se limitaron a dar ao expediente o leito previsto”, buscando “en todo caso a mellor solución e a menor perda posible para Caixanova”.

A de Rivas é unha das sete operacións sospeitosas que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria ( FROB) remitiu á Fiscalía Anticorrupción, que solicitaba para os acusados catro anos de prisión por unha “administración desleal de libro” nun proxecto do que o consello de administración da caixa, sostiña o escrito, non recibiu “toda a información”.

Na súa resolución, os maxistrados destacan que as decisións adoptadas no seo da caixa de aforros “non só eran colexiadas, senón unánimes”, sen que ningún dos que participaban nelas recibise a menor presión ou influencia en sentido algún.

A medida que a operación inmobiliaria debía ser modificada ou  refinanciada, o departamento ou área involucrada, tras analizalo e solicitar a información necesaria, emitía un informe non vinculante que despois puido ser seguido, ou non, no elo seguinte da cadea.

Varias das testemuñas que declararon no plenario, sinala a sentenza, constataron que era imposible pasar ao chanzo seguinte se previamente faltaba algún requisito.

Resulta tamén evidente que a operación resultaba de interese para Caixanova, dentro da súa política de expansión no ámbito dos préstamos hipotecarios, no que Rivas contaba cun dos índices de crecemento máis altos de Europa.

Non existe por todo iso constancia de que os acusados “nin de forma illada nin actuando de común acordo, seguindo un plan preconcibido e con abuso das súas funcións actuasen co propósito de causar un dano económico” á entidade, razón pola que descarta a existencia do delito de administración desleal que pretendía a Fiscalía.

Á marxe desta causa, Gayoso, Gorriarán e Pego están procesados ademais por delito  societario e branqueo na concesión dun préstamo a unha sociedade vinculada que xerou un prexuízo de 80 millóns de euros.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...