Barreras insiste en que o seu futuro non pasa por “acabar un só barco”

Advirten de que os proxectos de Havila e Armas son "os que dan viabilidade" á empresa.

As deputadas do Grupo Común dá Esquerda, Luca Chao e Paula Quinteiro, reunidas co comité de empresa do estaleiro Barreiras.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS

O comité de empresa do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras insistiu este luns en que o futuro da empresa non pode estar ligado á conclusión dun “só barco”, tras coñecerse a existencia dun preacordo para que o armador Ritz Carlton (que constrúe nas instalacións de Beiramar un minicruceiro de luxo) tome o control, coa cesión de dereitos políticos do 75 por cento da propiedade.

Así o trasladou o presidente do Comité, Sergio Gálvez (UGT), nunha rolda de prensa tras manter unha reunión coas deputadas do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao e Paula Quinteiro, e na que reiterou que os representantes dos traballadores non teñen información acerca das negociacións entre os accionistas, o armador ou as administracións.

“O Consello de Administración non ten un discurso único, cada un xoga a súa táctica, pero pasa o tempo e séguense queimando etapas”, sinalou Gálvez, quen advertiu de que “non é lóxico” que se poña sobre a mesa un acordo “para acabar un só barco”.

O presidente do comité aludiu, nese sentido, a ese principio de acordo polo cal o accionista maioritario, PMI, filial da petroleira mexicana PEMEX (co 51 por cento) e o grupo Albacora (co 24,5 por cento dos títulos) cederían a Ritz Carlton os seus dereitos políticos, mentres que o armador se comprometería a asumir o sobrecusto xerado na construción do seu minicruceiro (entre 50 e 60 millóns de euros).

“A solución non pasa por construír un barco durante 8 meses, que é o tempo que lle falta ao cruceiro de Ritz Carlton, e deixar o resto da carteira (os proxectos de Havila e de Armas), que é a que pode dar viabilidade ao estaleiro”, advertiu Sergio Gálvez.

O comité, a ese respecto, pediu que a administración galega “lidere” unha alternativa para lograr esa “solución integral”, e reiterou, sobre os posibles movementos de compravenda de accións, que “o futuro propietario de Barreras tería que falar de todo o estaleiro, non só dun barco”. “Non ten lóxica que teña o 75 por cento dos dereitos e só queira falar dunha parte da empresa”, apostilou.

“ESPERPENTO”

O presidente do comité urxiu retomar a actividade porque “canto máis se tarde, o estaleiro estará máis debilitado”, e aclarou que o Consello de Administración da empresa non trasladou ao persoal a súa intención de tramitar unha disolución ou pedir o concurso (Barriras está actualmente en situación preconcursal). “Isto é máis un esperpento que outra cousa”, lamentou.

“Isto é un problema de persoas. Porque Ritz Carlton trasladou a súa intención de comprar e Pemex confirmou que se ía. Pero García Costas tamén ofreceu quedar co estaleiro, e Ritz Carlton non quere a esa persoa xestionándoo”, resumiu Sergio Gálvez, quen pediu ao armador que “se non o vai comprar, polo menos que non atasque máis a situación”.

Pola súa banda, a portavoz do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, criticou que “a Xunta non dá explicacións” sobre o que sucede nas reunións nas que se negocia o futuro do estaleiro e advertiu de que o papel do goberno galego “ten que ser claro”. “Debe ser cómplice dos traballadores, e debe aclarar que vai facer para garantir os empregos e os proxectos de Barreras. Non valen escusas“, sentenciou.

CRÍTICAS DO PSDEG Á XUNTA

O secreatario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou o Goberno galego de “agocharse” na crise de Barreras, ao que o Grupo Popular na Cámara galega replicou que se trata dunha situación que “afecta a accionistas privados” e “son eles os que deben resolvela”.

O líder dos socialistas galegos cargou contra o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ao que acusa de vivir “nunha campaña de publicidade continua pondo a Xunta a disposición do PP”.

Así, criticou que “mentres o Goberno central se comprometeu coa industria galega”, o Executivo galego “non puxo sobre a mesa ningunha medida” para as crises que atravesan Alcoa, a central das Pontes e o estaleiro Barreras.

Respecto disto, tras lembrar que Feijóo “parou a emisión da TVG para anunciar a construción de buques” no estaleiro vigués e que agora “se constata como unha mentira”, Caballero preguntouse “por que” as negociacións nas que se aborda o futuro de Barreras “se dan en Madrid e non en Compostela”.

“A Xunta non ten política industrial. Agocha a cabeza, pon paus nas rodas e, cando hai solucións, Feijóo chega tarde á foto para dicir que estivo alí”, incidiu o líder do PSdeG, que insta o seu homólogo no PPdeG a “abandonar a súa política de promoción persoal, deixe de mirarse ao espello e atenda os problemas dos galegos”.

PP 

En relación á falta de protagonismo que Caballero afeou á Xunta en relación ao estado de Barreras, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu que se trata dunha situación que “afecta a accionistas privados” e “son eles os que deben resolvela”.

En todo caso, asegurou que a Xunta cumpre co papel que ten que xogar ao “colaborar” na solución e, ademais, ao apoiar ás empresas auxiliares a través dunha liña de créditos habilitada para tal fin.