InicioEconomíaO xulgado admite o preconcurso de acredores do estaleiro Barreras

O xulgado admite o preconcurso de acredores do estaleiro Barreras

A empresa dispón de catro meses para negociar a súa débeda e chegar a un acordo cos seus acredores.

PUBLICADO O

A letrada do Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou este luns un decreto no que informa ao estaleiro Hijos de J. Barreras da admisión do preconcurso de acredores, segundo informaron fontes do TSXG.

Trátase dun mero trámite, que se fai poucos días despois de que o estaleiro presentase neste xulgado a solicitude do preconcurso. Unha vez formalizada esa solicitude, a empresa dispón de catro meses para negociar a súa débeda e chegar a un acordo cos seus acredores ou, no caso de que non o alcance, entrar en concurso de acredores.

A solicitude de preconcurso permite ao estaleiro gañar tempo para negociar a súa débeda e, ao mesmo tempo, ‘protexerse’ dun concurso forzoso, que implicaría o nomeamento dun administrador, e ao que podería instar algún dos seus acredores.

Mentres tanto, traballadores do estaleiro, da industria auxiliar e a propia Xunta mantéñense á expectativa sobre o posible cambio na propiedade de Barreras que, de momento, está maioritariamente en mans de PMI (filial da petroleira mexicana PEMEX), cun 51 por cento das accións.

Todo apunta a que o fondo Oaktree (principal investidor de Ritz Carlton The Yatch Collection) se fará coa maioría de accións de Barreras e, de feito, varios representes deste fondo levan días ‘auditando’ a empresa.

Neste escenario, Barreras ten varios contratos en carteira (por valor de máis de 800 millóns) e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, volveu insistir este luns en que “hai que ser prudentes” e esperar a que o propio estaleiro expoña as súas “alternativas” para completar os encargos que ten pendentes.

A ese respecto, Conde incidiu en que a implicación da Xunta no futuro do estaleiro está condicionada a que haxa un proxecto “viable” e a que se dea unha “solución integral”, que inclúa rematar a carga de traballo no estaleiro e tamén os traballos da industria auxiliar.

Por outra banda, unha trintena de empresas desa industria auxiliar constituíu unha plataforma e pediu reunirse con representantes da Xunta, de Pymar e do propio estaleiro. Estas empresas condicionaron a súa volta ao traballo en Barreras a ter garantías de que van cobrar.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...