Traballadores do estaleiro Vulcano concéntranse fronte ao Parlamento para esixir á Xunta “que busque un investidor”

O Goberno galego insiste en que "a clave" de Vulcano é "ver se realmente hai un investidor" que permita manter a actividade.

Protesta dos traballadores de Vulcano diante do Parlamento de Galicia / EP

Ao redor dun cento de traballadores do estaleiro Vulcano, que se atopa en liquidación, concentráronse na mañá deste venres fronte ao Parlamento de Galicia. Desde alí, e a berros de “Vulcano solución”, esixiron ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde, que “cumpra os seus compromisos” e “que busque un investidor” para a factoría.

Así o expresou o presidente do comité de empresa, Nicolás Sangabriel, en declaracións aos medios ás portas do Pazo do Hórreo, onde chegaron tras iniciar o pasado martes unha peregrinación cara á capital galega a modo de protesta. Na concentración participaron tamén membros da oposición no Parlamento autonómico –PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e En Marea–, así como representantes de Cs Galicia.

Neste contexto, Nicolás Sangabriel lembrou que aínda que son 69 os empregados afectados pola liquidación deste estaleiro centenario, cando a factoría “ten actividade” traballan nela “máis de 1.000” persoas. Por iso, “vai ser unha perda importante”.

Desde a estrada da rúa do Hórreo, fronte ao Parlamento de Galicia, o presidente do comité de empresa reclamou ao conselleiro de Industria “que cumpra os compromisos que alcanzou cos traballadores” e “que busque un investidor para a factoría” que “se encargue de que os postos de traballo que aí estaban se conserven”. De feito, este mesmo venres manterán unha reunión con Francisco Conde para pedirlle “a mesma celeridade e a mesma implicación” que co estaleiro de Barreiras –en preconcurso de acredores– para atopar “solucións”.

A XUNTA “TEN ALGO DE CULPA”

Así mesmo, Nicolás Sangabriel afeou que a Xunta “ten algo de culpa tamén” na situación de Vulcano. “Cando se colabora cun estaleiro, privado ou non, e se lle permite dispor de diñeiro público para levar a cabo os seus proxectos, cremos que non se pode ceder ese diñeiro e non vixialo. A administración ten que ter unha representación controlando”, suxeriu.

E é que, para o presidente do comité, o naval vigués “seguramente conseguirá novos pedidos” a pesar da situación desta factoría debido “á profesionalidade” dos traballadores, que “está moi valorada”. “Iso vai facilitar que sempre haxa carga de traballo”, engadiu.

Así, avanzou que o xulgado convocou para o vindeiro luns aos traballadores para comunicar o expediente regulador de emprego (ERE) do estaleiro. “Esa semana emitirá o auto de extinción e a nosa relación coa empresa terminaría”, lamentou, para despois aclarar: “Que ninguén pense que porque nos liquidaron non imos defender o noso estaleiro, a nosa factoría e os nosos postos de traballo”.

RESPOSTA DO CONSELLEIRO

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, insistiu este venres en que “a clave” para o futuro de Vulcano é “ver se realmente hai un investidor” que permita manter a actividade.

Así o trasladou durante a súa participación nun acto con autónomos en Vigo, e antes de reunirse co comité de empresa do estaleiro.

O conselleiro asegurou que a Xunta “cumpriu todos os seus compromisos con Vulcano”, que “salvou” a empresa de situacións “moi comprometidas” en 2012 e en 2017, e lamentou que “a xestión que se fixo no estaleiro” levouno a pasar dunha “caixa” de 40 millóns hai uns anos aos 200 millóns de perdas actuais.

“Estamos a ser realistas, non podemos xerar expectativas sen saber se se vai producir esa situación (a chegada dun investidor)”, advertiu o conselleiro, quen subliñou que a Xunta está “en contacto” co administrador concursal do Vulcano e coñece o cronograma do plan da liquidación.

Por outra banda, Francisco Conde sinalou que o goberno galego trasladou á Autoridade Portuaria de Vigo que a súa intención é “que se poida manter a actividade naval dentro de Vulcano” pero, se esa posibilidade non fragua, entende que o Porto solicite a reversión dos espazos que ocupa o estaleiro.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here