Arrinca o proceso de licitación dos accesos á estación do AVE de Vigo, cun investimento de 21,4 millóns

Futuro proxecto da estación do AVE / © Miguel Núñez.

O proceso de licitación das obras para construír os accesos á nova estación do AVE de Vigo e acondicionar toda a contorna arrincará a próxima semana, cando se prevé que se aprobe a actuación no Consello da Xerencia de Urbanismo (como paso previo á aprobación en Xunta de Goberno).

Segundo informou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, os traballos, que terán un investimento de máis de 21,4 millóns de euros, iniciaranse nun prazo de 4 a 6 meses, dado que “teñen que estar acabados en maio de 2021” e han de desenvolverse coordinadamente coa construción do Centro Vialia deseñado por Thom Mayne.

As obras que se licitarán inclúen os accesos ao complexo intermodal (por valor de 17,2 millóns de euros), entre os que se contempla a construción dun túnel para conectar Lepanto coa autoestrada; a remodelación da antiga Praza da Estación (1,7 millóns); a urbanización da contorna e integración da paisaxe (1,2 millóns); e o acceso á estación de autobuses (900.000 euros).

Deses 21,4 millóns de euros, a maior parte de financiamento será achegada por Adif, un 68 % (14,5 millóns), mentres que Concello e Xunta de Galicia achegarán 3,4 millóns de euros cada unha das administracións (un 16 % do total do custo). A este investimento hai que engadir o custo do propio Centro Vialia, cuxa execución xa está “ao 35 %”, a construción da terminal de buses por parte da Xunta e, nun futuro, a instalación dun ascensor que conectará o complexo coa rúa García Barbón.

“É a obra máis importante que se fixo nunca na cidade (…), haberá un antes e un despois”, proclamou Abel Caballero, quen subliñou que Vigo leva 12 anos esperando por esta actuación, porque “o Goberno de Rajoy parouna durante 6 anos”.