InicioEconomíaOs accesos á estación do AVE licitaranse en setembro por 18 millóns

Os accesos á estación do AVE licitaranse en setembro por 18 millóns

Abel Caballero tamén esixiu este martes á Xunta de Galicia que devolva á área sanitaria de Vigo as 300.000 cartillas de especialidades que foron desviadas a Santiago en 2014.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este martes que o Concello, tras obter a autorización do Ministerio de Fomento, licitará o próximo mes de setembro as obras dos accesos á estación do AVE de Urzáiz, por valor de 18 millóns de euros.

Así o avanzou en rolda de prensa, na que proclamou que esta actuación será “un dos cambios históricos na cidade”, e que el, como alcalde, quería levar a cabo “por encima de todo”. “Levo dez anos esperando por isto”, recoñeceu. Os traballos permitirán conectar o complexo intermodal (Centro Vialia e estación de buses) coa autoestrada AP-9 e reordenar o tráfico nas inmediacións.

Así, Vigo licitará obras por valor de 18 millóns, que inclúen a demolición do actual paso elevado da autoestrada por Alfonso XIII, a construción dun túnel por Lepanto, as conexións coa autoestrada, a reordenación do tráfico e a creación dunha praza (onde se reconstruirá a fachada da antiga estación, de principios de S.XX). Os traballos levarán a cabo por parte do propio Concello e de Adif, e o prazo de execución é de 14 meses.

Pola súa banda, a Xunta terá que licitar as obras dun tramo do túnel, que discorrerá xunto á nova estación de buses, por valor doutros 3,4 millóns. Ademais, Abel Caballero lembrou que esta transformación se completará coa construción, por parte do Concello, dun ascensor e unha pasarela que conectarán todo o complexo con García Barbón, e que permitirá tamén o acceso a Vía Norte.

DEVOLUCIÓN DE CARTILLAS Á ÁREA SANITARIA DE VIGO

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixiu este martes á Xunta de Galicia que devolva á área sanitaria de Vigo as 300.000 cartillas de especialidades que foron desviadas a Santiago en 2014, noutra “agresión” de Feijóo á cidade olívica.

Nunha rolda de prensa, o rexedor lembrou que esa redución no número de habitantes da área sanitaria supuxo unha diminución na dotación económica e de recursos para este servizo, en áreas como cirurxía cardíaca, cirurxía plástica, hemodinámica, ou cirurxía pediátrica, entre outras.

Segundo manifestou o alcalde, cando Feijóo tomou esa “decisión arbitraria” en 2014, e el mesmo denunciou que era “intolerable”, a Xunta xustificou que se trataba dunha medida provisional. “A provisionalidade xa dura 5 anos”, advertiu Caballero, quen lembrou que ata os profesionais como o xefe de cirurxía cardíaca do Chuvi recoñecen que foi “unha decisión política” e que Vigo “está capacitado” para volver atender esas 300.000 cartillas.

O rexedor constatou que se trata dunha das “débedas históricas” da Xunta con Vigo, ás que se suman outras, resultado do “agravio” á cidade, con respecto a Santiago ou A Coruña. “E a nova delegada defende esas agresións e a Feijóo en contra da cidade. Por certo, como sempre fixo“, recalcou Abel Caballero, con respecto a Corina Porro.

ÚLTIMAS

Volven prender lume en Chandebrito oito anos despois da traxedia na que morreron dúas persoas

Un lume forestal que comezou onte á noite en Chandebrito (Nigrán) queimou 0,73 hectáreas...

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...