InicioEconomíaA Xunta reitera que está "comprometida" con Vigo e advirte a Caballero...

A Xunta reitera que está “comprometida” con Vigo e advirte a Caballero de que as “imposicións” son un “obstáculo”

Corina Porro avoga polo diálogo, pero apunta que pór condicións "non é a mellor maneira de empezar".

PUBLICADO O

A Xunta de Galicia reiterou este luns o seu “firme compromiso” coa cidade de Vigo e a favor do diálogo co Concello, e advertiu ao alcalde, Abel Caballero, de que as “imposicións” e “condicionantes” non son “a mellor maneira de empezar”, posto que “son un obstáculo” en si mesmos para o consenso.

Así o trasladou a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, despois de que o propio rexedor confirmase o envío dunha carta ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, cunha listaxe de actuacións e medidas urxentes que Caballero pon como condición para establecer un diálogo co titular do Executivo galego.

En resposta a esas demandas, Corina Porro avogou polo diálogo entre ambas as administracións “polo ben da cidade e dos vigueses”, e pediu ao rexedor que a súa disposición aos acordos “non quede só nun anuncio”.

A ese respecto, advertiu de que “a imposición e os condicionantes non son a mellor maneira de empezar, posto que son en si mesmas un obstáculo para o consenso”, e engadiu que algunhas das reclamacións expostas por Abel Caballero “deben resolverse nunha mesa técnica”, mentres que outras “deben ser froito do diálogo”. En todo caso, incidiu, todo o que se faga debe abordarse desde “a máis estrita legalidade”.

RESPOSTA ÁS PETICIÓNS DO ALCALDE

Con respecto ás peticións do alcalde, a delegada da Xunta lembrou que a candidatura das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade presentada pola Xunta “é a única rexistrada” ante a Unesco,e a súa retirada sería prexudicial para a consecución do obxectivo.

Así mesmo, en relación ás obras de reforma de Gran Vía, sinalou que deben cumprir a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e que é unha actuación que afecta a edificio catalogados, polo que convidou ao Concello a reformar as partes do proxecto que non se adecúen á normativa.

Con respecto ao contencioso sobre a constitución da área metropolitana, a representante autonómica lembrou que a posta en marcha deste ente implica, por lei, a posta en servizo do transporte metropolitano, cuxo convenio asinou o goberno de Abel Caballero (e que logo rexeitou por non asumir as bonificacións para usuarios do bus de fóra da cidade). Así mesmo, subliñou que hai unha resolución xudicial cautelar que anula o requisito do empadroamento para ter bonificacións no bus urbano vigués.

En canto ao sistema de cofinanciamento das escolas infantís e centros de día, Porro sinalou que o actual modelo é “máis favorable que o anterior”, e obrigatorio para os Concellos que forman parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, como é o caso de Vigo. Ademais, engadiu, o Concello olívico debe ás arcas autonómicas 1,35 millóns de euros desde que decidiu “unilateralmente” deixar de pagar as liquidacións do Consorcio e recorrelas nos tribunais.

Na mesma liña, subliñou que a reclamación económica da Xunta sobre a xestión de Eiras baséase nunha taxa estatal, e reiterou a proposta do goberno galego ao Concello de asinar un convenio para que a entidad local se faga cargo desa xestión e mantemento, e evitar así o pago do canon de regulación (o Concello ‘debe’ por este concepto máis de 3 millóns de euros).

Finalmente, Porro referiuse á esixencia do rexedor de que se aplique a lei 3/2016 en varias actuacións, como os accesos do CEIP Párroco Don Camilo, ou a construción do pavillón de Matamá, e lembrou que esa norma extraordinaria está prevista para iniciativas doutras administracións, e que o Concello pode levar a cabo esas actuacións a través dun plan parcial, un plan especial de infraestruturas, ou unha modificación do Plan Xeral (como se fixo para a reforma do Barrio do Cura).

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...