Home rico a Madrid, home pobre a Vigo

Esta é a historia de dous homes, veciños de Chantada, cuxas vidas seguiron camiños opostos pero que, cousas do destino, volveron cruzarse por unha estafa bancaria. Un foi presidente dun dos bancos máis importantes de España e o outro, vítima das prácticas abusivas desa entidade. Reportaxe de Miguel Núñez e Alberto Quian.

Amador Pereira, fronte a sucursal do Banco Sabadell en Vigo / © Miguel Nuñez

REPORTAXE COMPLETA, CON VÍDEOS, EN GALICIA CONFIDENCIAL

Esta historia comeza hai oito décadas en Chantada, no centro xeográfico de Galicia, e ben podería inspirar un filme ou teleserie galega como aquela famosa estadounidense da década de 1970 titulada ‘Home rico, home pobre’. Os protagonistas, neste caso, non son parentes, pero si foron veciños cuxas vidas seguiron camiños opostos: un, presidente millonario dun gran banco español en Madrid e o outro, ás portas dunha sucursal do mesmo banco en Vigo, reclamando os aforros que lle “roubaron”.

Nunha vila como Chantada é moi difícil –por non dicir imposible– non toparse con alguén. Aquí, todos coñécense e é raro non manter unha conversa ou algún tipo de relación cos demais nalgún momento da vida. Pero os nosos protagonistas viviron de costas o un do outro. “Só chegamos a coñecernos de vista”, conta o ‘home pobre’.

Das súas lembranzas recupera o recordo de que o que sería o ‘home rico’ “xa desde cativo non se relacionaba cos rapaces de aldea”, coma el, criado na parroquia de San Tomé de Merlán no seo dunha familia moi humilde.

Xa de mozo, o noso protagonista ‘pobre’ aprendeu e dedicouse ao oficio de zapateiro. Conta que polo taller no que se formou pasaba moita xente da vila, mais nunca o fixo o ‘rico’. “Nunca tivo que remendar as súas botas nin poñer dobre sola aos seus zapatos”, relata.

Co tempo, o noso home emigrou á gran cidade, á maior urbe de Galicia, Vigo, e comezou a traballar en Cepsa, onde se xubilou, mantendo uns aforros para gozar da nova vida e que, colleitados a modiño ao longo dos anos, colocou en produtos financeiros.

Amador Pereira, fronte a sucursal do Banco Sabadell en Vigo / © Miguel Nuñez

Pero unha vida de traballo constante e de rigores truncouse e os seus froitos podreceron. O noso ‘home pobre’ separouse da que fora a súa dona e, sen fillos, aprendeu a vivir só, entre Vigo e Chantada. Pero o máis duro chegou cando caeu vítima das estafas bancarias que arruinaron a milleiros de persoas en Galicia e España e que contribuíron á Gran Depresión. No seu caso non foron as preferentes e subordinadas, senón fondos de investimento de renda variable e un seguro de vida que lle abriron “sen ser debidamente informado”, di.

Fala duns 40.000 euros investidos no Sabadell e 80.000 no BBVA, con cláusulas nos contratos dos produtos adquiridos que, asegura, descoñecía: “Non me informaron de que podía perder o meu diñeiro nin que había grandes comisións, polo que considero que fun enganado”, afirma. Deses cartos, só recuperou unha pequena parte.

En ambas as entidades foi seducido para investir os seus aforros en fondos de investimento de renda variable. A aposta foi perdedora.

Agora di que daqueles preto de 80.000 euros só recuperou, o ano pasado, 19.000. “Non me decatei do perigo de perder os cartos nin das altas comisións até que pasaron tres ou catro anos, cando comecei a perder diñeiro”, explica este xubilado, que se laia de que desde o BBVA “nunca” lle deron unha “solución” ante o que considera “un engano”.

No Sabadell, apenas recuperou unha cuarta parte do diñeiro que, di, que investira nesta entidade. “Despois de moitos anos perdendo unha gran cantidade dese diñeiro, amargueime a vida e aceptei co Sabadell un acordo, polas grandes comisións que me impuxeran sen darme información delas nin de que podía perder os cartos. Asineilles unha liquidación, quedándose o Sabadell con 30.000 euros e eu recuperei unicamente nove mil e pico”, relata.

O noso protagonista leva catro anos protestando, ás veces ante a sede do Banco Sabadell, outras ante a do BBVA no centro de Vigo, pero tamén ás veces noutras cidades e vilas, incluída Chantada. Acúsaos de “falla de claridade e de engano”. Faino só, para “protestar contra unha inxustiza”, esquecido pola sociedade, polos que nos gobernan e polos que o “estafaron”. É un David contra Goliat. E, casualidades ou non da vida, ese Goliat é aquel veciño seu que nunca necesitou arranxar uns zapatos e que o esquivaba –a el e a outros de Chantada– por considerarse de “alto berce”, lembra.

Aquel mozo de aires soberbios terminou dirixindo un imperio financeiro e o seu rostro era, e segue sendo, habitual na prensa estatal. “Xa se lle vía vir”, continúa o noso protagonista ‘pobre’. “Nunca quixo os chantadinos”, asegura sobre ese home que, desde o seu despacho na capital do Reino de España, manexou parte dos fíos financeiros máis grosos do país.

“Non falaba cos pobres”, recorda sobre o seu pasado. Non só iso, tamén foi quen de roubar aos pequenos aforradores como o seu veciño, nunha estafa bancaria colectiva e masiva pola que as entidades financeiras atraparon a milleiros de clientes.

Amador Pereira, fronte a sucursal do BBVA no centro de Vigo / © Miguel Nuñez

PACO O ARXENTINO

Un dos afectados dos distintos tipos de estafas que realizaron as entidades financeiras é o noso ‘home pobre’, vítima das artimañas financeiras dirixidas polo que un día foi o seu veciño, ese mesmo ao que coñecían en Chantada como Paco o Arxentino, por ser fillo de emigrantes naquel país e cuxo pai era dos poucos da comarca chantadina que tiñan coche na década de 1950. Á súa volta de Arxentina, en 1955, os negocios fóranlle ben, especulando coas terras doutros galegos que emigraban e que el compraba a baixo prezo e revendía para sacar ganancias do drama da diáspora. O seu fillo, Paco, seguiría o exemplo paterno (levábao no ADN), pero ao grande, chegando a converterse nun dos homes máis poderosos de España.

“Lin na prensa que se xubilou hai pouco. A este señor, que dirixiu o banco que me roubou, premiárono con 80 millóns de euros polos servizos prestados”, lamenta o noso entrevistado ao recordar o premio extraordinario co que se xubilou o que fora o seu veciño.

O noso ‘home pobre’ chámase Amador Pereira Cidre e cada día preséntase ante as sucursais do Banco Sabadell e do BBVA no centro de Vigo para protestar pola estafa sufrida. O ‘home rico’ chámase Francisco González, cumprirá 75 anos o vindeiro 19 de outubro e, até decembro de 2018 presidiu, durante 18 anos, o BBVA, e antes, Argentaria, entre 1996 e 1998.

Amador Pereira sostén unha revista cunha reportaxe dedicada ao ex-presidente do BBVA, Francisco González, chantadino coma el / © Miguel Nuñez

UN HOME TURBIO E SEN AMIGOS EN CHANTADA

Francisco González foi un dos homes máis poderosos de España. O seu poder foi tal, que mesmo explorou as chamadas ‘cloacas do Estado’, relacionándose co corrupto ex-comisario José Manuel Villarejocomo así proban varios audios.

Zarrapicado polo escándalo das escoitas ordenadas polo BBVA a Ausbanc baixo a súa presidencia, dimitiu “temporalmente” como presidente de honra o 14 de marzo pasado pola súa implicación no ‘caso Villarejo’.

Hoxe, aquel mozo de carácter soberbio que soñou con facerse rico e poderoso, é un home en declive ao que os seus avariciosos soños lle perderon polos camiños máis turbios; a súa reputación, hoxe, está polo chan.

Mentres, Amador, como cada mañá, séntase fronte ao BBVA no centro de Vigo, e co seu chifre e os seus carteis tenta chamar a atención dos de dentro da sucursal e dos viandantes que por alí pasan. Ninguén escoita.

REPORTAXE COMPLETA, CON VÍDEOS, EN GALICIA CONFIDENCIAL

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here