Hai oportunidade de negocio en China para os produtos alimentarios galegos?

Polbo cocido / M. Martín Vicente, Photopin

Esta mañá o Consorcio da Zona Franca de Vigo celebrou nas instalacións do Área Portuaria de Bouzas unha xornada técnica informativa sobre o mercado agroalimentario de China.

A xornada xerou un gran interese, cunha asistencia total de máis de 21 empresas do sector agroalimentario galego. Falar de China é falar da segunda maior economía mundial, país máis poboado, primeiro exportador e segundo importador mundial, caracterizado por un crecemento económico sen precedentes nas últimas décadas.

Na actualidade, China sitúase como o 8º destino principal das exportacións españolas de alimentos e bebidas. No entanto, a importancia deste mercado nos últimos anos creceu de forma constante e espérase que esta tendencia continúe durante os próximos anos e que a posición no ranking mellore. En canto a produtos españois, destacan as carnes e o aceite de oliva, xa que supoñen máis do 50% do total das mesmas.

Con respecto a Galicia, apréciase que é a 8º CCAA exportadora de produtos agroalimentarios a China, sendo os peixes e mariscos galegos os principais produtos exportados e seguidos moi de lonxe polos viños.

De todo isto pódese extraer que os produtos españois con maior aceptación na gastronomía chinesa e, xa que logo, os que supoñen unha maior oportunidade para as empresas españolas son os procedentes do sector porcino, do aceite e do viño.

A estas súmanse as oportunidades máis específicas para as empresas galegas, que están estrechamente relacionadas cos sectores de maior importancia da rexión: as oportunidades para a industria conservera de peixes e mariscos e a industria dos lácteos, nas que a nosa comunidade destaca non só por importancia a nivel nacional senón tamén por calidade.

Estes monográficos sobre países inscríbense dentro dun marco de accións que veñen realizando de xeito conxunto o Consorcio e a Cámara de Comercio e teñen como propósito achegar distintos mercados internacionais ás empresas galegas.

Os obxectivos da xornada foron por unha banda achegar este mercado ás empresas galegas, tratando aspectos esenciais e aclarando aspectos prácticos. Todo iso ademais, facendo especial fincapé nos aspectos culturais e nas singularidades dun mercado que  resulta descoñecido para a maioría de Pymes galegas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here