Vulcano entregará o ferri ‘Villa de Teror’ a mediados da semana que vén

O barco de Transmediterranea nos asteleiros de Vulcano / Miguel Nuñez

O portavoz do comité de empresa do estaleiro vigués Vulcano, Nicolás Sangabriel, avanzou que a entrega do ferri ‘Villa de Teror’ realizarase “a mediados da semana que vén”.

En declaracións a Europa Press, Nicolás Sangabriel detallou que, aínda que a construción xa foi terminada, é necesario contar cos certificados de clase para poder realizar a entrega do buque. En concreto, esta certificación deberá ser emitida pola empresa Lloyd’s Register Group, que, deste xeito, ofrecerá unha “garantía” respecto ao correcto estado e funcionamento do ferri. Segundo indicou o portavoz do comité de empresa, espérase que este certificado sexa emitido entre este xoves e este venres.

Así mesmo, en relación ao futuro de estaleiro vigués, apuntou que se espera que entre en liquidación unha vez que se produza a entrega do buque.

A construción da ‘Villa de Teror’ retomouse a finais do pasado mes de marzo, tras meses detida, en virtude dun acordo alcanzado na Xunta co comité de empresa e os sindicatos Comisións Obreiras (CC.OO.), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Unión Xeral de Traballadores (UGT). A esa reunión tamén asistiron representantes do estaleiro, Pymar, Xesgalicia e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Deste xeito, realizouse un pago lineal de 1.000 euros ao persoal, que cobrou as nóminas de outubro e novembro debidas, así como a de marzo. En abril e maio recibiron os abonos correspondentes a eses meses e acordouse pagarlles os catro meses restantes debidos á entrega do buque.

Mentres, acordouse un abono inicial á industria auxiliar do 30 por cento da débeda contraída e un pago do 45 por cento á entrega do buque. O 25 por cento restante comprometeuse á solvencia do estaleiro.