A CUT abandona a mesa de negociación con Citroën ante a falta dun anuncio de creación de emprego

Folga en PSA Citroën Vigo en folga / @ Miguel Núñez

A CUT abandonou na tarde deste xoves o encontro que mantiña xunto a CC.OO., UXT e CIG coa dirección da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo ante a falta dunha proposta “concreta” de creación de empregos para afrontar a sobrecarga de traballo.

Fontes sindicais aseguraron que non observaron un compromiso por parte da empresa en relación á ampliación do persoal, a principal reivindicación dos sindicatos. Aínda que nun principio tamén CC.OO., UXT e CIG abandonaran o encontro, a intervención da mediadora permitiu que estes sindicatos continuasen coas negociacións.

Mentres, fontes da CUT denunciaron que a dirección da planta presentou unha demanda ao considerar que as dúas xornadas de paro levadas a cabo polos traballadores foron abusivas. Así, afirmou que o obxectivo da dirección é que sexan declaradas como “ilegais”.

En concreto, este foi o segundo encontro realizado entre ambas as partes coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais para abordar a saturación na liña de montaxe, tras unha reunión mantida a principios desta mesma semana.

A empresa aceptara mediación externa despois das protestas dos sindicatos, incluídas dúas xornadas de paros por horas e un peche de delegados sindicais na fábrica que se alongou durante cinco días. Trátase da primeira vez que a planta viguesa e os traballadores abordaron as súas discrepancias coa mediación externa.

A fábrica valorara que esta colaboración externa contribuiría ao “diálogo” e permitiría servir como ferramenta para “disipar a confrontación” na planta.