En Común-Unidas Podemos pide alternativas que garantan a carga de traballo en Vulcano

Visita do candidato Ruben Perez e a Diputada Iolanda Diaz os asteleiros Vulcano © Miguel Nuñez

A deputada electa de En Común-Unidas Podemos pola provincia de Pontevedra, Yolanda Díaz, instou á Xunta e ao Goberno central a buscar alternativas que garantan a carga de traballo en Vulcano, como un investidor.

Tras unha reunión celebrada este mércores en Vigo co comité de empresa, Yolanda Díaz sinalou a importancia de que o estaleiro vigués se manteña operativo e remarcou que se trata dunha “peza estratéxica” no tecido industrial galego. “Se (as administracións) deixan caer Vulcano, a cidadanía ten que mobilizarse”, asegurou a deputada, que incidiu na necesidade de garantir o pago das nóminas debidas aos traballadores.

Ademais, avanzou que trasladará esta situación ao Congreso dos Deputados e chamou aos responsables do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a visitar o estaleiro. O presidente do comité de empresa, Nicolás Sangabriel, destacou a formación dos empregados de Vulcano e a calidade dos traballos realizados. Tamén advertiu de que o peche da empresa afectaría o barrio de Teis, en concreto, e, en xeral, á industria galega.

O candidato de Marea de Vigo á Alcaldía da cidade, Rubén Pérez, reivindicou que o Concello debe situarse á “vangarda” da defensa do estaleiro e avanzou que tentará introducir este tema na axenda das eleccións municipais.