1,5 millóns de euros para novas obras da saída a Cangas no Corredor do Morrazo

A Xunta di que son obras de emerxencia.

Autovía do Morrazo / xunta.gal

O Consello da Xunta deu luz verde este xoves á declaración de emerxencia das obras necesarias para a reparación no Corredor do Morrazo do noiro do ramal de saída a Cangas (Pontevedra), afectado por un desprendemento no mes de xaneiro.

Esta intervención, cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros, prodúcese para garantir a seguridade na zona, que se viu afectada na madrugada do 31 de xaneiro por un desprendemento do noiro á altura do punto quilométrico 11,1. A Xunta interveu nas primeiras horas no tramo de vía afectada para acometer a retirada de material procedente do desprendemento e liberar a calzada.

En paralelo, os técnicos observaron a existencia de elementos inestables no noiro, con risco de caída, e executaron os traballos necesarios para provocar a súa caída controlada, retirando o material.

Con todo, para garantir a seguridade, é necesario intervir no noiro afectado. Para minimizar a afección aos usuarios polo peche da vía, a Xunta habilitou o dobre sentido de circulación no ramal de acceso ao corredor desde Cangas, para permitir tamén a entrada directamente a esta localidade desde a ligazón mentres se realizan os traballos de estabilización.