Esgotou Gadis a fórmula ‘Vivamos como galegos’?

Galicia Confidencial (medio socio de XdV) pediu aos lectores a súa opinión sobre o novo anuncio de Gadis. A impresión xeralizada é que a campaña xa non convence, por uns motivos ou por outros: desde unha errada utilización da mitoloxía galega, até o paradoxal uso do castelán nas superficies comerciais dunha marca que pretende exaltar a identidade galega, pasando por cuestións estéticas e técnicas, dereitos laborais na empresa cuestionados ou a reiteración dun código publicitario que xa non dá máis de si.

Achégase o Nadal e volven as grandes campañas publicitarias que deixan pegada emotiva –e pecuniaria– nos consumidores (a masa, que dirían os teóricos da comunicación, malia as fantasías e alucinacións de gurús dos medios sociais, youtubers, instagramers e demais fauna influencer posmoderna). E, como cada ano, Gadis volve situarse no centro do foco do público… e dos medios. Como acontece co xa asimilado anuncio familiar da Lotaría de Nadal ou coa pomposidade e ampulosidade das campañas de Freixenet, Gadis conseguiu crear expectación, costume e case tradición co seu ‘Vivamos como galegos’. Van xa once anos, once campañas, once apelacións á antropoloxía dun pobo singular. Todos sabemos a estas alturas que talvez a galega non sexa unha sociedade nacionalista no sentido político estrito –como a catalá ou a vasca–, pero si moi galeguista, no seu sentido máis sentimental (por algo a morriña é marca propia); tanto, que cando os costumes e tradicións transmutan en marca colectiva grazas á mercadotecnia (non á política), emerxe unha sorte de orgullo patrio compartido que ninguén sabe onde se agochaba, e fachendamos do noso como poucos pobos fan no mundo. Mais logo de once anos, esa fórmula publicitaria semella esgotada… cando menos a de Gadis.

A empresa volveu á carga cunha nova entrega da súa exitosa campaña ‘Vivamos como galegos’. Desta vez, o protagonista do anuncio é un neno que, como tantos hoxe, vive pegado á pantalla dun teléfono móbil e “ao que non lle interesa nada do noso; un repunantiño”. Pero todo muda cando o seu avó lle agasalla un libro máxico, ‘A Maxia do Noso’. E coa axuda de tres meigas, o mozo remata berrando: “Eu creo no noso! Vivamos como galegos!”. De novo, o orgullo galaico, a clave coa que deu Gadis para facerse forte no mercado… e tamén facer país. E todo, este ano, a ritmo de cumbia verbeneira. Velaquí o anuncio.

Durante estes once anos, Gadis semellou ser un dos mellores embaixadores dunha Galicia que se quere reivindicar e perdurar nun mundo globalizado no que todo é líquido, pasaxeiro, perecedeiro, efímero… Ser galego converteuse, grazas á mercadotecnia –ou dito máis claramente, grazas ao capitalismo–, nun orgullo para unha sociedade que viviu durante séculos acomplexada. Grazas, Gadis. Mais a química semella que se evaporou. Perdeuse o amor. Durante dez anos, Gadis emocionou a moitos galegos (queda por facer enquisas e estudos de mercado para determinar a cantos). Agora parece que xa non namora tanto.

O orgullo patrio –ese que ningún partido polítco conseguiu exaltar nin materializar desde o nacionalismo galego ou desde o eufemístico galeguismo moderado de PSdeG e PPdeG– semellaba ter atopado na publicidade –a comunicación persuasiva que incita a consumir todo, tamén as almas– a súa vía de expansión. Vendéronnos que consumir Gadis era consumir galeguismo, pero tamén producilo e contaxialo. Consumir Gadis era alimentar mediante a compra dos seus produtos a identidade galega e un xeito de reivindicar un estilo de vida propio que, aparentemente, se afasta dos convencionalismos, aínda que isto sexa un mero artificio publicitario, unha ilusión, un engano nun mundo cada vez máis homoxéneo (quen se atreve a dicir que o estilo de vida e as rutinas dun madrileño, dun asturiano, dun catalán, dun parisiense ou dun londinense son distintos dos dun galego?; sexamos claros, somos todos iguais: consumimos o mesmo, ergo somos o mesmo).

Sen ánimo de facer desta enquisa un estudo sociolóxico, Galicia Confidencial preguntou aos seus lectores e seguidores en Facebook a opinión sobre o novo anuncio da campaña ‘Vivamos como galegos’. Non hai aquí metodoloxía nin validación científica, mais a opinión dos nosos lectores podería ser un indicio de que esta fórmula publicitaria xa non funciona, xa non convence, xa non emociona, xa non une… Os motivos argüídos son varios.

 “As meigas teñen fonética de Valladolid. Pero o peor é que logo vas ao Gadis e toda a cartelería e a atención ao público son en español. Na práctica: vivamos como manchegos”

OS CRÍTICOS

Un dos que participou no debate proposto por Galicia Confidencial foi Xosé Henrique Costas, director do departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo. Moi crítico co anuncio de Gadis, expón: “As meigas teñen fonética de Valladolid. Pero o peor é que logo vas ao Gadis e toda a cartelería e a atención ao público son en español. Na práctica: vivamos como manchegos”.

A súa crítica non pasou indiferente. De feito, acadou o maior número de “gústame” (likes, para os anglófilos), isto é, o maior nivel de aprobación, votos, aplausos ou como queiran chamalo. Case todos de acordo co profesor.

No fío de respostas ao seu comentario, o usuario Adrián de Xaneco comenta ao profesor: “Creo que ata no Eroski tratan mellor o galego”. Ao que Xosé Henrique Costas engade: “Non che caiba a menor dúbida. Son uns desleigados. O Froiz de Tui ten todo en castelán, pero para abriren o Froiz en Valença tiveron que rotular todo en portugués… Pero aquí, en galego, nadiña de nada. Pois así as cadeas ‘gallegas’ Froiz, Gadis, Claudio… agás Aquí (do grupo Cuevas de Ourense), que ten todo en galego”. Polémica servida e aplausos de Alicia Casal, outra usuaria de Facebook.

Xosé Henrique Costas non se quedou só nas críticas ao novo anuncio de Gadis e a súa aparente contradición entre o que promulga e o que pon en práctica. Mercedes López Sánchez, docente no IES A Xunqueira II de Santiago de Compostela, considera que se trata do “peor [anuncio] de todos os tempos [de Gadis]”. “A estética pode gustar ou non, aí non me meto… pero a lingua está descoidadísima e os tópicos son máis do mesmo”. Crítica coa que coincide a maioría dos que responderon a chamada de Galicia Confidencial para opinar sobre a nova campaña.

“Era boa se tragase cunhas ‘meigas’ de jolivù falando galego de Burgos!!! Así pretenden facer país? Ou mellor: que país pretenden facer así?”

A usuaria de Facebook Lu Teira responde ao comentario de Mercedes López Sánchez: “Unha caca «de carallo»!!”. E María Arca Oliveira tamén contribúe ao debate con esta apreciación, con sarcasmo: “Creamos no noso sempre que non implique lingua, e moito menos fonética”.

Marga Sampaio tamén enfoca a súa crítica á cuestión lingüística: “Era boa se tragase cunhas ‘meigas’ de jolivù falando galego de Burgos!!! Así pretenden facer país? Ou mellor: que país pretenden facer así?”.

As críticas sobre a cuestión idiomática continúan, pois semella un paradoxo enxalzar a identidade galega obviando as esencias da lingua propia (no anuncio e nos supermecados). Ines Clementina Gutiérrez Fernández, de Ribadeo, aporta: “Pois que as actrices que fan de fadas falen galego con acento galego, que dá pena”.

Cris Ele Gue, natural de Sarria, considera a estética do anuncio “unha trangallada, anticuada, superflua e sen emocións positivas!”. E afonda: “Recoñezo que é complicado para os técnicos/as que un guión quede presentable se non ten contido sostible, pero teño visto anuncios dos 90 cunha estética máis potente… Alén de que, para sentirme galega non preciso deixar as novas tecnoloxías, nin usar estereotipos propios do 83… nin tampouco ir ao Gadis e ver como non se promove a lingua”.

Ana Roman Rodriguez, de Vigo, opina tamén que, de todos os anuncios de Gadis, este é “o peor”, xa que ten unha estética “cutre”. Bibiana González Alonso, tamén de Vigo, engade: “El peor con diferencia”. Conchi Codesido suma: “¡No me gusta tanto como los anteriores!”. E Coral Ríos Santomé, deseñadora residente en Moaña, remata: “O peor de todos ata o de agora!”.

As críticas sucédense: “Malo, malo, malo” para Montserrat Sánchez; “malísimo” para Paloma Arias González; “el peor” para Anaquin Conchi e Teresa Teiña, de Vigo; “abofé que e ben malo!!!”, agrega Eme Jota Piñeiro; “non gusta nada!!, unha pachochada!!”, exclama Maricarmen Nogueira López, compostelá residente en Boiro; “non me gusta nada”, di MCruz Albor Vence, de Santiago de Compostela; “vaia trapallada”, valora Santi Dominguez; “un asco”, segundo Virginia Pérez Lorenzo, de Monfero.

“Viven como galegos e os seus traballadores como escravos. A unha traballadora en Lugo mándarona ao paro por coller unha baixa de 15 dias”

Hai mesmo quen se sente motivado a mudar de hábitos de consumo, como Axls Martín Domínguez: “É tan malo que penso ir mercar no Eroski”.

Mar Lopes Gonçalves, residente en Compostela e socia da Assembleia Nacional Galega, considera o anuncio “unha auténtica merda” e “de vergoña allea”. “Ademais, de non ter NPI [nin puta idea] de mitoloxía galega”.

Parecida opinión ten Pilar Vilas, de Pontevedra: “O peor dos que teñen feito, cheo de tópicos. Nada que ver coa realidade da mitoloxía galega”.

E Santi Bernárdez, de Cangas do Morrazo, afonda sobre o que algúns observan como un errado uso da nosa mitoloxía: “Pode que tenhamos o maior número de seres míticos de Europa. Outros [os vascos] co seu botam a andar videos deste nivel: https://www.youtube.com/watch?v=1sTZsrO4TGk. Nós, pola contra, temos os tópicos parvos de meigas etc.”.

Hai quen mesmo recorre á política laboral de Gadis para desprestixiar a campaña e a marca. Teresa Eyre, profesora de Lugo, asegura: “Viven como galegos e os seus traballadores como escravos. A unha traballadora en Lugo mándarona ao paro por coller unha baixa de 15 dias. Explotadores e noxentos”.

Non é a única. Carmen Pérez Fernandez tamén fala de condicións “escravas” nesta empresa: “Podes vivir coma un galego a non ser que traballes nun Gadis, daquela vivirás coma un escravo”.

Jose Alberto Torrente Alvarez enriquece o debate, introducindo outra cuestión por resolver na economía globalizada, a supervivencia do pequeno comercio: “«O equilibrio entre o novo e o de sempre», «unha terra onde cabemos todos». Que bonito!!! Pero o certo é que desque apareceron estas grandes cadeas de alimentación, as pequenas tendas de barrio, as de sempre, foron desaparecendo do mapa. Así que… cada un/ha que crea nas meigas se quere, pero déanlle unha oportunidade ao pequeno comercio”.

E logo atópanse os que están fartos dos códigos publicitarios que se repiten máis có allo. Un deles é Pablo Domínguez González, dos Peares (soaralle ao lector por ser o berce do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo), para quen “este teto xa deu o leite que tiña que dar; que alguén lle diga a Gadisa que co primeiro xa chegou”.

“Repite, repite mais que o chourizo, o peor de todos os anuncios de Gadis; esta mina xa está esgotada”

Son máis os que pensan que a fórmula publicitaria xa non dá máis de si. Estrella Álvarez Amorín, traballadora de El Corte Inglés en Vigo, xulga: “Repite, repite mais que o chourizo, o peor de todos os anuncios de Gadis; esta mina xa está esgotada”. Luisa Moldes, do Grove, engade: “Ese chicle xa está moi gastado!”. E Javier Castro Accion, da Coruña, finaliza: “Malísimo. Qué enpalagosos os do Gadis”.

Un usuario de Facebook co alcume Adn Gz coincide: “Cada vez van a peor os anuncios do Gadis. Pretenden exprimir ao máximo o que lles funcionou nun primeiro momento, pero xa cansa”. Máis concisa é a usuaria de Ourense que usa o alcume Flordotoxo Del Monte Salvaje: “Que aburridiños”. E aínda máis sucinta, pero non menos contundente, é Carme Toba Trillo, quen cualifica o anuncio de “horrendo”.

O ton xeral do debate é este. Consuelo Picos di: “Xa cansa sempre o mesmo!!! Sen galego sen ser repunantiño!!”. Pode que o “repunantiño” estea a volverse en contra de Gadis. O usuario co alcume Montesío Do Suído, de Vigo, espeta sobre o anuncio: “Un pouco repunantiño”.

Leopoldo Rodríguez, residente en Barcelona, tamén cre que é “repetitivo” e engade: “Ya sabemos vivir como galegos, cambiad el registro”.

Outro usuario, Manu Silva, coincide en que a campaña “ya está quemada” e envía á marca de supermercados a mesma mensaxe que Leopoldo: “Cambia el mensaje Gadis, ¡por favor!”.

OS PERSUADIDOS

Mais non todo son críticas. Paloma Pardavila, avogada residente en Compostela, discrepa da opinión de Manu Silva e estámpalle: “Non deixes de crer no noso. Está genial… Eres un repunantiño!!!”.

Paloma non é a única que defende o novo anuncio e a campaña de Gadis, aínda que os valedores do departamento de mercadotecnia da empresa e dos creativos publicitarios da axencia coruñesa Bap Conde –autores dos spots– están en clara minoría.

“Moi intelixente dirixilo aos nenos, aí é onde se xoga o futuro do galego. É un anuncio feito para nenos e iso é un enorme acerto, tanto comercialmente coma na defensa do galego”

Dolores González Calvo –traballadora de ASPANANE (Asociación de Pais e Nais de Nenos e Adolescentes con Necesidades Especiais), valora: “Igual se se mira entre liñas tamen se pode ver que un raparigo tan pequeno aprendeu a linguaxe de signos grazas ás novas tecnoloxias: coñezo máis dun caso coma o deste rapaz. Unha historia diferente diría eu! Cada quen olla o que lle parece, sen máis! Respetémolo!”.

Roberto JC é un dos maiores defensores do “repunantiño”: “Para min, o mellor [anuncio] despois do primeiro. Ademáis, moi intelixente dirixilo aos nenos, aí é onde se xoga o futuro do galego. É un anuncio feito para nenos e iso é un enorme acerto, tanto comercialmente coma na defensa do galego”.

E Marisol Bana Romero, natural de Camelle e residente na Coruña, confesa: “Sempre me gostaron os anuncios navideños do Gadis” .

Tere Vázquez Candal, artista e técnica cultural, atópase a medio camiño entre os críticos e os persuadidos: “No está mal, pero… sin duda el peor que han hecho”.

Lido o escrito, talvez a campaña ‘Vivamos como galegos’ quedou exhausta, oxidada… ou talvez resacosa pola borracheira de premios.


Artigo publicado orixinalmente en Galicia Confidencial.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here