Os veciños de Teis e Chapela, fartos da peaxe da AP-9 e de ser discriminados en comparación con Pontevedra, Santiago e A Coruña

Protesta contra a peaxe en Rande / Miguel Núñez.
Protesta contra a peaxe en Rande / Miguel Núñez.

As asociacións de veciños de Chapela (Redondela) e Teis (Vigo) volveron á carga para reclamar a supresión da peaxe na AP-9 no tramo Rande-Redondela, e a conversión en tramo urbano da autoestrada desde Torres de Padín até o centro da cidade, para mellorar os accesos e desconxestionar o tráfico.

“A eliminación desa peaxe, que ao final é o acceso á cidade de Vigo, melloraría a mobilidade nestas parroquias e no conxunto da cidade”, indicou o portavoz da asociación de veciños de Teis, Anxo Iglesias.

“O que non ten sentido é que ti a través da ponte de Rande, do outro lado da ría, en Cangas do Morrazo, por exemplo, non pagues para ir a Vilaboa ou a Moaña, pero se entras en Vigo e queres ir a Redondela teñas que pagar”, dixo Iglesias.

O portavoz tampouco ve “lóxico que no acceso a Vigo se pague, cando, ademais, noutras cidades galegas que tamén teñen autoestrada, como é o caso da AP-9 en Pontevedra, Compostela e A Coruña, nos seus accesos ou circunvalacións non se paga“, comparou

“É un anacronismo nestes momentos que sigamos pagando por ese acceso á cidade de Vigo cando do outro lado da ponte é gratuíto e outros tramos semellantes noutras cidades galegas non se pagan”, denunciou Iglesias, quen falor de “discriminación cara á cidade de Vigo e cara á súa comarca”.

No que respecta á conversión en tramo urbano da autoestrada entre Torres de Padín e o centro de Vigo, piden que “haxa entradas e saídas, accesos”, ademais de “integrar esa vía nos barrios de Teis e Chapela para desconxestionar o tráfico e mellorar a mobilidade dos vehículos”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here