Teis e Chapela queren que o Goberno de Pedro Sánchez converta en vía urbana a AP-9 tras pasar Rande

Ponte de Rande / Miguel Núñez

Representantes das asociacións de veciños de Teis (Vigo) e Chapela (Redondela) iniciaron mobilizacións para conseguir supresión de peaxes e melloras na AP-9. Por iso, presentaron un escrito dirixido ao ministro de Fomento, José Luis Ábalos, no que lle solicitan a convocatoria da comisión de seguimento da AP-9.

Neste escrito, os veciños insisten en que este órgano ten que abordar a supresión da peaxe en Rande-Redondela, a conversión en vía urbana do tramo da autoestrada entre as Torres de Padín e o centro de Vigo, e a adopción de medidas contra a contaminación acústica.

Neste sentido, as asociacións lembraron que pasaron 8 meses desde que o Goberno anterior do PP anunciou a supresión da peaxe, que nunca executou, e reclamaron que se execute ese compromiso, sen que iso repercuta nos usuarios da autoestrada.

Ademais, incidiron en que dita supresión debe estar vinculada á conversión do último tramo da AP-9 en vía urbana, xa que se trata dunha autoestrada integrada no tecido urbano, vertebradora e que non ten alternativas. Ese cambio permitiría eliminar tráfico pesado de Chapela e de Teis, e melloraría as comunicacións de entrada e saída da cidade olívica.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here