O tudense Gustavo Rodríguez proclámase campión de España de tríatlon en Pontevedra

O campionato tivo un forte acento galego: Gustavo, Cristóbal Dios, Saleta Castro...

Podio masculino/ Campionato de España de Tríatlon

Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) e Anna Noguera proclamáronse esta fin de semana en Pontevedra campións de España de Tríatlon de Longa Distancia. Ademais, acadou unha medalla de prata a pontevedresa Saleta Castro (Cidade de Lugo Fluvial), e Cristóbal Dios, cun cuarto posto, quedou moi preto dos metais.

A proba comezou a primeira hora da mañá con moitos afeccionados pendentes da saída para animar aos triatletas e de forma moi especial aos de casa. Dende o inicio, os galegos estiveron nas primeiras posicións.

Así, da auga saíu na primeira posición Iván Cáceres, galego afincado en Madrid por motivos laborais. Esta vez nin a natación se lle fixo moi costa arriba para Gustavo Rodríguez, que logrou un magnífico parcial e non perder moito tempo, chegando á T-2 na cuarta posición.

E tralos 3 quilómetros de natación, chegou o momento de coller a bicicleta para facer 116 quilómetros. Pero Gustavo non esperou moito para poñerse en cabeza. No quilómetro 10 da bicicleta xa era líder e pouco a pouco foi incrementando a distancia sobre un dos favoritos, Ander Okamika, que non quería deixarlle escapar.

O tudense logrou así chegar á segunda transición con case seis minutos de distancia sobre o segundo e moita comodidade sobre o terceiro. Aínda faltaban trinta quilómetros de carreira a pé que se fixeron moi duros tanto para Gustavo como para o resto dos participantes, co sol en todo o alto.

Gustavo Rodríguez logrou entrar en meta na primeira posición e proclamarase campión de España cun tempo de 5:47:47. Ander Okamika, que recortou distancias na carreira a pé, logrou o subcampionato cun tempo de 5:50:46. A terceira posición foi para Pello Osoro (5:54:01), mentres que o galego Cristóbal Dios quedou a só un pasiño do podio, ao chegar a meta na cuarta posición (05:58:16). Iván Cáceres foi noveno (6:06:28).

Gustavo explicou que sufriu un pouco de máis na carreira, na que tivo problemas estomacais, pero “estas cousas suceden na longa distancia, non pode ser todo fácil”, chanceou.

Sobre o Mundial do próximo ano, o campión de España manifestou que “o Mundial sempre é especial para min, pero no 2019 moito máis porque se celebra en Pontevedra, a
cidade na que me formei como deportista, a miña segunda casa”.

Podio feminino/ FGT

Na proba feminina, Saleta Castro estivo sempre en posicións de podio, pero nada puido facer ante a fortaleza de Anna Noguera que logrou poñerse en cabeza mediada a primeira volta do ciclismo e xa nonse baixou de aí.

Na natación a máis forte foi Helene Alberdi, mentres que Anna Noguera -campioa de España de longa distancia 2017- quedaba un pouco descolgada e Saleta Castro era terceira na saída da auga.

Pero na bicicleta, Noguera alcanzou rapidamente a Saleta, que xa se colocara en cabeza, e como tiña un punto máis de forza, decidiu superala cando levaban a metade da primeira volta de ciclismo.

A partir de entón, as posicións quedaron bastante definidas, con Noguera na primeira
posición; Saleta, segunda e Dolça Olle (que tivera algúns problemas na natación), terceira tras superar a Helene Alberdi.

A carreira a pé foi dura e as posicións non mudaron. A propia Saleta recoñecía ao chegar a meta que “no único no que pensaba era en chegar a meta como fose, non me importaba a posición”.

Así, Anna Noguera revalidou o título de campioa de España cun tempo de 6:25:10, mentres
que Saleta Castro foi prata (6:34:36) e Dolça Olle, bronce (6:49:00).

A campioa de España enxalzou o percorrido deste campionato de España, de forma moi especial o da carreira a pé, “xa que descorría primeiro por unha paraxe moi fermosa, xunto ao río, e con árbores e despois polo centro histórico, con moita xente animando dende a rúa”.

Tanto ela coma Saleta destacaron a calor desprendida polo público durante a proba, “algo que non soe suceder nas carreiras de longa distancia, nas que normalmente unha gran parte do percorrido faise por carreteiras sen público”, indicou Saleta.

A galega rematou facendo un chamamento ao seleccionador para poder competir en Pontevedra o próximo ano: “É algo que non depende de min, por iso quixen competir
hoxe no Campionato de España, para que o seleccionador me teña en conta cara a Pontevedra 2019”.

Na clasificación por clubs, o Tri-Penta Terras de Lugo proclamouse campión de España na categoría masculina e o Cidade de Lugo Fluvial, na feminina.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here