O tudense Gustavo Rodríguez, favorito no Campionato de España de Tríatlon de Pontevedra

Este sábado, 25 de agosto, ás 9.00 da mañá, dará comezo o Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia e Pontevedra.

Campionato de España de Tríatlon/ Federación Galega de Tríatlon

Este sábado 25 de agosto celebrarase o Campionato Galego e de España de Tríatlon de Longa distancia, con varios galegos entre os favoritos. De feito, “este venres xa se podía apreciar moito ambiente por Pontevedra e principalmente no CGTD (Centro Galego de Tecnificación Deportiva), onde procedeuse a entrega dos dorsais e a apertura da zona de transición para deixar o material”, subliñan desde a Federación Galega.

A proba comezará a primeira hora da mañá (09:00 horas), e os participantes terán por diante unha moi longa xornada na que a calor fará aínda máis complexa esta competición. Os case trescentos deportistas (entre as probas elite e de grupos de idade) terán que realizar 3 quilómetros de natación, 116 de ciclismo e 30 de carreira a pé. Tamén se realizará unha proba Open de Aquabike.

Campionato de España de Tríatlon, Saleta Castro/ Federación Galega de Tríatlon

Na categoría feminina participará a pontevedresa Saleta Castro, que afronta o campionato coma un fermoso reto: “As miñas expectativas son facelo o mellor posible, dalo todo ata a liña de meta, sufrilo e pelexalo ata o final. Sei que non estou no meu mellor momento de
forma, xa que este ano levo tres ironmáns. O último foi o 8 de xullo en Frankfurt e acabei tocada psicolóxica e físicamente e necesitei tempo para recuperarme e por iso non puiden preparar de todo ben esta proba”.

“Pero é un campionato que me fai moita ilusión porque se disputa en casa, ante a miña xente, e me coñezo o circuíto mellor que ninguén. Espero facelo o mellor posible e se podo, gañar; pero senón, estar no podio, xa me faría moita ilusión”, manifestou.

Na categoría masculina o gran favorito para o Campionato de España de Longa Distancia parece Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) que este ano logrou o título de campión de España de media distancia, e que o pasado ano foi bronce en Ibiza nesta distancia.

O tudense chega en boas condicións a Pontevedra 2018: “Persoalmente estou nun bo momento de forma, so que nestas distancias nunca se sabe como vai responder o corpo ou se calquera contratempo pode botar por terra todo o traballo destes días, pero coa moral moi alta e con gañas de amosar a miña mellor versión”.

Ademais, Gustavo recoñece que tanto este campionato como Pontevedra son especiais: “Con moitas gañas de correr mañá. Este campionato sempre o teño marcado no calendario e máis se é en Pontevedra, que é a cidade onde me formei como deportista e que
sempre se envorca co tríatlon”.

Campionato de España de Tríatlon, Cristóbal Dios/ Federación Galega de Tríatlon

O seu compañeiro de club Cristóbal Dios asegurou que chega en un gran momento de forma: “adestrei ben e penso que podemos loitar por todo. Gustavo é o máximo candidato á vitoria, pero tentaremos poñerllo difícil. Hai outros rivais complicados coma Pello Osoro ou Ander Okamika, pero eu teño que facer a miña carreira e loitar polo que traballei durante estes duros meses de adestramento”.

Dios asegurou que “é moi especial disputar este campionato en casa, onde adestro,
onde vivo, onde fago o meu día a día, e poder competir aquí, coa túa xente, é moi especial”.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here