Mayobre e Nimo vencen con autoridade en Marín no campionato galego de 10km en ruta

Este sábado celebrouse en Marín o campionato galego de 10 quilómetros en ruta, co que moitos atletas deron por finalizada a súa tempada de adestramentos. Foi unha multitudinaria proba, con pouco menos de mil inscritos entre todas as categorías, aínda que algúns deles non puntuaron para o campionato senón como carreira popular. O circuíto, totalmente cha, permitiulles acadar marcas persoais e interesantes rexistros.

Como nota negativa, algúns dos participantes consideraron excesiva a cantidade de atletas para as características do circuíto, perdendo segundos valiosos nos primeiros quilómetros para posicionarse, debido ao embotellamento.

707 deportistas foron quen de terminar legalmente a proba absoluta. En mulleres, impúxose Paula Mayobre, do Dental Seoane Pampín, cun gran tempo de 33.19, acadando así o campionato galego.

A segunda muller en entrar en meta foi Edymar Brea en 34.21, mais non puntuou para o podio galego. Si a súa irmá Joselyn Brea (prata) e Tina Fernández (bronce).

En homes, Pedro Nimo Del Oro (3RUN by Pedro Nimo) foi o dominador, cun tempo de 30.58. A loita pola prata estivo moi disputada entre Esteban Iglesias Vila e Jose Manuel Vieito Vilacoba, que chegaron ao sprint no mesmo segundo, 31.44.

Na carreira Sub.18, os mellores foron Iván Salgado Troncoso (CD San Paio A Estrada) e Paula de la Torre Carabelos (independente).

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here