InicioDeportesArranca a XX edición do Marisquiño con grandes estrelas do deporte internacional

Arranca a XX edición do Marisquiño con grandes estrelas do deporte internacional

O festival poderá seguirse tamén de forma online e en retransmisións televisivas na TVG e Televigo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A primeira xornada da 20ª edición do Marisquiño arrincou este venres con adestramentos en disciplinas como o skate ou o BMX. Aínda que non haxa competición, tamén haberá actividades en disciplinas como o Basket 3×3, o grafiti e o Break-Dance.

A maioría dos deportistas que compiten no festival a partir deste sábado xa se atopan en Vigo, entre eles destaca a presenza do subcampión olímpico de BMX Freestyle, o venezolano Daniel Dhers. Nesta mesma xornada está prevista a chegada desde Toquio de tres dos membros do equipo español de skate que acaban de competir nos Xogos e que participarán no Marisquiño: Julia Benedetti, Danny León e Jaime Mateu.

A primeira competición prevista, segundo indica a organización nun comunicado, son as semifinais e finais de BMX junior, cuxo comezo está programado para as 15:30 deste venres. No resto de categorías de BMX e skate, os deportistas estarán a adestrar ao longo do día nos circuítos do evento. Ademais, tamén empezaron os workshop de Basket 3×3 e Break-Dance para a cativada.

Dende a organización non descartan, con todo, que algunha actividade teña que ser reprogramada ou cambiar de localización debido á “incerta previsión meteorolóxica”.

ADESTRAMENTO DE MEDALLA

Grandes estrelas do deporte internacional están a probar xa os circuítos do Marisquiño. O subcampión olímpico Daniel Dhers foi un dos primeiros en probar a pista de BMX do festival en compañía doutros destacados riders internacionais como Daniel Sandoval (número 2 no ranking mundial de BMX actualmente) e Jeremy Malott. A organización destaca, sobre todo, o exemplo de Dhers, que “nada máis chegar ao seu hotel en Vigo despois dunha longa viaxe xa quixo probar o circuíto”.

Desde a organización pídese unha especial responsabilidade de non asistir ao festival se non se conseguiu a entrada, co fin de evitar acumulacións de público e evitar riscos sanitarios. Todos os espazos están valados con dobre peche opaco, polo que non será posible ver a actividade deportiva desde o exterior dos recintos.

ACORDO COA TVG E TELEVIGO

Un dos obxectivos da organización é facer que nesta edición tan especial o evento poida ser visto polos seus seguidores de forma online e en retransmisións televisivas. Por iso é polo que este ano se vai reforzar especialmente o streaming que se poderá seguir a través das redes sociais do festival, e que se alcanzou un acordo con Televisión de Galicia e con Televigo para que se faga unha cobertura especial do festival este ano.

A organización cualifica este acordo como “moi importante” para o evento xa que “permitirá multiplicar de forma exponencial o número de persoas que poderán seguir en directo estas probas nun ano con aforamento limitado nas bancadas”. Televigo tamén realizará unha ampla cobertura do evento con retransmisións en directo e outros medios anunciaron que conectarán co streaming que realiza O Marisquiño para retransmitir as probas.

A emisión desta programación especial de cinco horas do sábado e do domingo farase tamén a través das redes sociais do festival (YouTube, Facebook e Twitch) así como doutras plataformas de ámbito estatal como As Acción e A liga Sports co obxectivo de “facilitar o acceso de todo o mundo aos contidos do Festival”.

ÚLTIMAS

Volven prender lume en Chandebrito oito anos despois da traxedia na que morreron dúas persoas

Un lume forestal que comezou onte á noite en Chandebrito (Nigrán) queimou 0,73 hectáreas...

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...