Galicia arrasa no Campionato de España de Tríatlon por autonomías

Selección galega / Federación Galega de Tríatlon

Galicia vén de facer esta fin de semana dobrete no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías sénior e escolar, que se celebrou en Badajoz. As seleccións galegas venceron este domingo na proba de relevos mixtos e confirmaron así o título en ambas categorías.

O combinado galego sénior necesitaba gañar para lograr o título tralos resultados do sábado (vitoria do equipo feminino e sexto posto do masculino). Así, o equipo de relevos mixtos, coa ausencia de Antonio Serrat por unha caída, estaba formado por Iria Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo), Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo), Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Martín Carrera (Natación Riveira).

Equipo sénior/ Federación Galega de Tríatlon

O primeiro relevo foi para Iria Rodríguez, que saíu da auga na primeira posición, formou parte do primeiro grupo da bicicleta e deu o pase a Luismi na cuarta posición. Velásquez fixo un moi bo relevo e logrou entregar na segunda posición a Joselyn Brea, que foi decisiva.

Equipo sénior/ Federación Galega de Tríatlon

A venezolana afincada en Galicia dende hai varios anos fixo un mini- triatlon espectacular e logrou entregar a Martín Carrera na primeira posición e con case un minuto de vantaxe sobre o segundo clasificado. Así, Carrera certificou a vitoria e entrou en solitario en meta con unha ampla vantaxe, onde foi recibido ao grande polos seus compañeiros de selección.

e tamén a selección escolar

A selección galega escolar logrou proclamarase campioa de España cunha enorme superioridade. Galicia venceu na proba feminina e nos relevos mixtos, e ademais foi segunda na proba masculina. Desta forma, as e os nosos rapaces acadaron o título de campións de España.

Na proba de relevos mixtos, Galicia participou con dous equipos (A e B). Cada equipo está formador por dous homes e dúas mulleres que realizan un mini-tríatlon (250 metros de natación, 5 quilómetros de bicicleta e 1,6 de carreira a pé).

Equipo escolar/ Federación Galega de Tríatlon

O equipo A estaba formado por Elsa Pena, Jorge González, Carla Guisande e Esteban Basanta, os mellores clasificados do día anterior.  O equipo B estaba composto por Nerea García, Jorge Morado, Natalia Castro e Víctor Bouzón.

Elsa Pena fixo o primeiro relevo e entregou na primeira posición, abrindo as distancias na carreira a pé (o equipo B de Galicia, con Nerea García, foi a segunda). Jorge González (equipo A) e Jorge Morado (Galicia B) agrupáronse no segmento de ciclismo, pero foron cazados por Valencia e Madrid xusto ao final, e González cedeu uns segundos no
tramo final. Pola súa banda, o equipo B quedou na loita pola cuarta e quinta posición.

Equipo sénior/ Federación Galega de Tríatlon

Carla Guisande limou distancias na primeira parte da natación e logrou soltar primeiro á madrileña e despois a valenciana. E a partir de aquí, marchou en solitario para darlle paso a Esteban Basanta na primeira posición e con case 45 segundos de vantaxe.

Basanta fixo un magnífico relevo e incluso aumentou a distancia, sobre todo na carreira a pé, onde logrou un dos mellores parciais. Esteban logrou chegar a meta cun minuto de distancia sobre o segundo clasificado (Madrid). Ademais hai que destacar que o equipo B de Galicia acadou a cuarta posición, a escasos segundos do terceiro clasificado.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here