InicioDeportesLoito no atletismo: morre o vigués Alejandro Gómez Cabral, campión de España...

Loito no atletismo: morre o vigués Alejandro Gómez Cabral, campión de España e participante en tres Xogos Olímpicos e 17 mundiais

Faleceu este domingo aos 53 anos de idade tras meses diagnosticado cun tumor cerebral. Federacións e distintas personalidades, como o ministro de Cultura e Deporte e o presidente da Xunta, expresan as súas condolencias.

PUBLICADO O

O atleta Alejandro Gómez Cabral, natural da parroquia viguesa de Zamáns, faleceu este domingo aos 53 anos de idade tras meses diagnosticado cun tumor cerebral. Así o informou a familia e trasladaron varias federacións deportivas, que manifestaron nas súas redes sociais o súa pesar pola morte do alcumado como ‘galgo de Zamáns’.

Alejandro Gómez Cabral foi nove veces campión de España en distintas disciplinas atléticas, nas que alcanzou diversas marcas, e participou nos Xogos Olímpicos de Seúl 1988, Barcelona 1992 e Atlanta 1996.

Ademais, nos últimos anos dedicouse ao ‘mushing’ –carreiras de trineos tirados por cans--, disciplina na que conseguiu ser campión de España e participar en competicións internacionais en representación do seu país.

A Federación Galega Galega de Deportes de Inverno (FGDI), á que pertencía, transmitiu o seu “máis sincero pésame” á familia e amigos de Gómez Cabral.

Pola súa banda, a Federación Galega de Atletismo vístese de loito por “perder a un referente histórico, a un home valente que soubo competir, como poucos, no barro, no sintético e no asfalto”.

“O seu legado deportivo colócao entre os elixidos do atletismo mundial e entre os máis grandiosos atletas españois de todos os tempos“, engade a Federación.

Tamén o ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, manifesta o seu pesar a través da súa conta de Twitter: “O meu máis sentido pésame á súa familia e amigos”.

“LENDA DO DEPORTE”

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, di recibir “con tristeza” a noticia do falecemento de Alejandro Gómez Cabral e lembra o seu alcume: ‘o galgo de Zamáns’.

“Lenda do deporte galego e español, recibiu a nosa admiración tanto polos seus moitos éxitos no atletismo como pola súa valentía e exemplo ante a vida”, destaca Feijóo, en Twitter.

A Secretaría Xeral para ou Deporte da Xunta, no nome do seu titular, José Ramón Lete Lasa, lamenta “profundamente” a morte de Alejandro Gómez, “un home que deixa tras de si unha traxectoria como exemplo para os máis novos, coas súas tres participacións olímpicas, nove campionatos de España e unha chea de excelentes clasificacións en europeos e mundiais da longa distancia”.

“Falamos, probablemente, do mellor atleta galego de todos os tempos, por quen foi, polo que fixo e polo que supuxo”, asegura Lete Lasa.

Segundo lembra a Xunta, o pasado mes de xullo a Secretaría Xeral para o Deporte fíxolle entrega dunha placa conmemorativa en recordo “á súa dedicación e compromiso” co deporte. De feito, o campionato galego de 10.000 metros levará o seu nome.

Así mesmo, en 2014 o presidente do Goberno galego entregoulle a Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...