InicioDeportesUnha explicación científica da NBA desde a Universidade de Vigo

Unha explicación científica da NBA desde a Universidade de Vigo

O investigador sueco Anton Kalén, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no campus de Pontevedra, liderou un estudo sobre o rendemento físico de 532 xogadores da NBA en partidos da tempada 2018-19.

PUBLICADO O

Nada, ou case nada, escapa de ser obxecto de ciencia. Por exemplo, a mellor competición de baloncesto do mundo, a NBA, pódese explicar científicamente mediante o estudo do rendemento físico dos seus xogares. Isto é o que fixo o investigador sueco Anton Kalén, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, en Pontevedra.

Kalén liderou unha investigación para avaliar os efectos da idade no rendemento físico e técnico do xogo para diferentes posicións en xogadores da NBA. En total, realizáronse nada menos que 25.523 observacións individuais de 532 xogadores en partidos da tempada 2018-19.

Os xogadores clasificáronse en catro grupos de idade: 19 a 22 anos, 23 a 25, 26 a 29 e 30 a 42. Analizáronse as diferenzas no rendemento físico e técnico en cada partido coas seguintes variables: distancia percorrida polo xogador, velocidade media, minutos xogados, puntos anotados e eficiencia de xogo (esta última calcula o impacto positivo e negativo que ten un xogador por medio dos puntos anotados, rebotes, asistencias, roubos, tapóns, lanzamentos e perdas de balón).

Os resultados mostraron que os xogadores maiores de 30 anos cubriron distancias máis curtas e tiveron unha velocidade media máis baixa que os máis novos. Tamén que os escoltas e aleiros maiores de 26 anos xogaron máis minutos por partido que os máis novos, e que os escoltas maiores de 26 anotaron máis puntos e foron máis eficaces que os máis novos, mentres que os pivotes de 23 a 25 anos anotaron máis puntos por xogo que os maiores de 30.

O estudo xustifícase na “ausencia de evidencia previa con respecto aos cambios no rendemento do xogo relacionados coa idade nos xogadores de baloncesto de elite”, polo que se fixo unha “análise a gran escala” para comprobar se se cumpre a hipótese de que o rendemento do xogo diminúe coa idade e de que esta sería diferente en función das posicións de xogo.

E o que se comprobou foi que “o rendemento físico diminuíu coa idade, mentres que o tempo de xogo e o rendemento técnico en xeral permaneceron estables ou aumentaron” cos anos, especialmente para os bases.

DISTANCIA, VELOCIDADE E EFECTIVIDADE

A maior distancia percorrida, en total, defensa e ataque, observouse no grupo de idade de 19 a 22 anos.

Os resultados mostran que existe unha diferenza na distancia total defensiva e ofensiva percorrida entre grupos de idade e que a diferenza non varía entre posicións. Tamén se observou que os xogadores no grupo de idade de 26 a 29 cobren menos distancia en total, ofensiva e defensiva, que os xogadores dos grupos máis novos, mentres que non houbo diferenzas significativas entre os demais.

A velocidade media máis rápida, en total, defensa e ataque, observouse no grupo de 19 a 22 anos, confirmándose importantes diferenzas por idades (menos rápidos canto máis maiores), pero non por posicións.

O maior número de minutos xogados observouse no grupo de idade de 26 a 29 anos, mentres que os de 30 a 42 gozaron de máis tempo que os dous grupos máis novos. Nesta variable, detectáronse diferenzas notables nos minutos xogados entre grupos de idade nestas posicións: os bases e escoltas no grupo de idade de 23 a 25 xogaron menos minutos que os maiores, e os aleiros do grupo de 19 a 22 anos xogaron menos minutos que os de máis de 26.

Sobre a efectividade dos xogadores, o número de puntos por minuto é maior no grupo de idade de 26 a 29 e, aínda que diminúe no de 30 a 42, os xogadores máis maiores son máis efectivos que os dous grupos máis novos. Tamén se constatou que esta diferenza varía notablemente entre estas posicións: bases e escoltas no grupo de idade de 23 a 25 obtiveron menos puntos que os de 26 a 29 e os de 30 a 42; os pivotes do grupo de idade de 23 a 25 obtiveron máis puntos que os de 30 a 42 anos.

En resumo, o estudo destaca como principais resultados que os xogadores da NBA maiores de 30 anos mostraron valores máis baixos en distancia percorrida (total, ofensiva e defensiva) e velocidade media (xeral, ofensiva e defensiva), en comparación con xogadores máis novos; que os escoltas e aleiros maiores de 26 anos xogaron máis minutos por partido en comparación cos máis novos na mesma posición de xogo; e que os xogadores maiores de 26 anos mostraron unha eficacia no xogo significativamente maior en comparación cos máis novos.

O estudo publicouse na revista científica Research in Sports Medicine e está asinado, ademais de por Anton Kalén, por Alexandra Pérez Ferreirós (Centro de Investigación Biomédica en Red Fisiopatología de la Obesidad y Nutrición – CIBEROBN, dependente do Instituto de Salud Carlos III), Pablo B. Costa (Centro de Rendemento Deportivo da Universidade Estatal de California) e Ezequiel Rey (Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo).

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...