O VAR sentenza o Celta

O duelo co Granada (0-2) estivo marcado polas expulsións dos locais Jorge Sáenz e Beltrán na primeira media hora de partido.

Celta-Granada / EFE.

O Granada sumou a súa segunda vitoria seguida na liga, por 0-2 ante o Celta en Balaídos, nun duelo marcado polas expulsións dos locais Jorge Sáenz e Beltrán na primeira media hora tras senllas faltas no centro do campo que o árbitro castigou con tarxeta vermella tras revisalas en vídeo a pedimento do VAR.

As decisións da sala do VAR romperon o guión do primeiro tempo en Balaídos. O partido comezou con pouco ritmo, sen apenas ocasións de gol, pero unha falta de Jorge Sáenz a Soldado no centro do campo alterou a paisaxe. O árbitro revisou a acción durante varios minutos e castigou con tarxeta vermella o contacto de Jorge Sáenz no tendón de Aquiles de Soldado.

Escribá tivo que recompoñer a defensa. Sacou do campo a Brais e meteu ao central Araujo. Trabouse o ritmo do encontro coa expulsión e a única oportunidade de gol celeste foi un cabezazo desviado de Aidoo.

Acomodouse algo o Granada mediada a primeira metade. Con máis posesión da pelota, o equipo de Diego Martínez aproximouse á portería galega: primeiro cun tiro cruzado de Fede Vico, despois cunha boa volea de Víctor Díaz desde fóra da área tras o saque dunha falta lateral. Pouco fútbol, moita tensión.

Os contratempos continuaron para o Celta cando o VAR revisou unha falta de Beltrán a Antonio Puertas. Sucedeu o lance preto do centro do campo: un balón dividido polo que loitou o xogador do conxunto galego, que deu cos seus tacos a Puertas. O árbitro sacou tarxeta amarela, pero despois revisou a falta nos monitores de televisión e finalmente expulsou a Beltrán.

Os xogadores do Celta alteráronse, críticos co árbitro, que amoestou a Santi Mina e Denis Suárez polas súas protestas. Non logrou o Granada  asentarse. Faltoulle calma. A pesar de ter dous xogadores máis sobre o campo, só creou un afastado tiro de Machís.

Ata que chegou o minuto 50. Hugo Mallo concedeu un córner que cabeceou a gol Germán, só na área pequena, libre da marcaxe de Santi Mina. Ese tanto, que pechou a primeira parte, foi unha labazada para o Celta.

O Granada manexou ben o partido durante o segundo tempo. Encerrouse o Celta, que atrasou varios metros as súas liñas. Quixo resgardarse e esperar algún contragolpe. Pero non tivo opcións.

O Granada avisou cun perigoso cabezazo de Germán. Logo, cos nove xogadores do equipo celeste defendendo preto da súa área, Herrera lanzou un imparable canonazo desde vinte e seis metros que acabou dentro da portería galega.

Ese golazo acabou co plan de resistencia do Celta. O Granada apoderouse do balón, a pesar de que foi nas xogadas de estratexia nas que creou moito perigo. Rozou o terceiro tanto cunha falta lateral que tivo un remate franco de Víctor Díaz e un cabezazo forzado de Soldado.

Foi un final plácido para o equipo de Diego Martínez, ben asentado, sen sobresaltos, agás varias xogadas de Aspas, alma dun Celta con pouca capacidade de reacción, minguado polas dúas expulsións.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here