InicioDeportesToni Nadal, unha vida no tenis: "É moi difícil ser bo lider...

Toni Nadal, unha vida no tenis: “É moi difícil ser bo lider se non se é boa persoa”

O tío de Rafa Nadal distingue aos seres humanos pola capacidade de mellorar con tempo e esforzo.

PUBLICADO O

Asegura que fixo da simplicidade o seu modelo de vida. Considera que o que diferenza ao ser humano do resto do mundo animal é a capacidade de mellorar. Reivindica a capacidade de escoitar. Moléstalle a queixa, que considera é unha falta de agradecemento á vida. Cre que todas as persoas poden dar máis e que é difícil ser un bo líder se non se é boa persoa.

Toni Nadal, tío, e durante 27 anos adestrador do tenista Rafael Nadal, debullou este mediodía nun ateigado salón de actos da Facultade de Ciencias Económica e Empresariais a súa filosofía de vida e traballo, que lle permitiu acadar xunto ao seu sobriño máis de 75 títulos en torneos disputados en todo o mundo.

Nadal foi este mércores o protagonista do ciclo de conferencias ‘Experiencias en primera persona’, organizado pola Fundación Mentor, dentro do programa de actividades deseñados pola fundación para complementar a formación académica do alumnado do dobre grao ADE-Dereito que se imparte no campus de Vigo, así como do estudantado do ámbito xurídico-empresarial.

“Con Rafa apliquei uns valores que entendín que lle servirían tanto dentro, como fóra da pista: a ilusión, a esixencia…porque ao igual que no mundo empresarial, o que fixeches o ano pasado non serve para o que vén. Tes que xogar cada semana”, lembrou Toni Nadal, que sinalou a mellora como o obxectivo principal da carreira do seu sobriño.

O adestrador mallorquín destacou que é precisamente a capacidade de mellorar o que diferenza aos humanos do resto de seres, aínda que a mellora ten algúns problemas: “Non é fácil; require tempo; cómpre ter a vontade de querelo facer e hai que saber escoitar”, detallou.

Nadal amosou no seu relatorio, ante un auditorio formado maioritariamente polo alumando e docentes do centro, o seu rexeitamento á queixa, que considera unha falta de agradecemento á vida. “A Rafa e a min a vida tratounos mellor do que merecíamos. A maioría das persoas que se queixan por costume son as que menos dispostas están a cambiar”, asegurou Nadal, que relatou durante a súa conferencia numerosas anécdotas da vida deportiva que compartiu durante case tres décadas co seu sobriño e durante a que “nunha unha escusa nos fixo gañar un partido”, afirmou.

A simplicidade como modelo de vida

Nunha conversa coa xornalista de Onda Cero Vigo Raquel Sánchez, Toni Nadal referiuse ao paralelismo que considera que existe entre o traballo que desenvolve un adestrador co do un director de empresa, afirmando que “é difícil ser líder se non es boa xente, ademais de que para ser un bo líder precisas tamén bos coñecementos”.

Tras relatar os cambios que el e Rafa tiveron que introducir nos adestramentos e no xeito de xogar do tenista trala grave lesión que sufriu no ano 2005 e tamén os que viñeron determinados polo paso do tempo e dos rivais, Nadal reivindicou a capacidade de aguante nunha sociedade como a actual na que pasalo ben se converteu nun ben esencial.

“Acostumei a Rafa a adestrar en malas pistas, con malas pelotas e máis horas do que lle dicía nun principio e iso ao final lle fixo gañar partidos”, explicou Toni Nadal, que invitou a Federer e Djokovic a abandonar o tenis “para ocuparse da educación dos seus fillos”, ironizou.

“Fixen da simplicidade o meu modelo de vida”, asegurou o adestrador, que rexeitou as complicacións innecesarias e moi habituais, afirmou, na actualidade, para a continuación detallar as tres máximas coas que traballou o tenista baixo a súa dirección deportiva: “pégalle o máis o forte que poidas; tira a pelota onde non estea o teu rival e tíraa dentro da pista”.

Directrices simples para un adestrador que asegurou que sempre buscou o fácil, que cifrou en catro máximas: compromiso, ilusión, confianza e esixencia e para quen non só vale gañar, senón tamén facelo de xeito correcto.

“Eu busquei e creo que conseguín con Rafa por riba de todo a satisfacción persoal que se atopa no esforzo e na vontade de facer ben as cousas”, explicou Nadal, para quen a frustración é froito dun exceso de valoración, fronte á que cómpre recoñecer as limitacións e os erros.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...