InicioCulturaFélix Caballero: “Considero que a retranca non é propiamente humor”

Félix Caballero: “Considero que a retranca non é propiamente humor”

Afincado en Galicia dende hai 31 anos, este escritor e xornalista rioxano ten adicada gran parte da súa obra ao humorismo galego. No 2012 atreveuse co tema da retranca nun ensaio titulado “O humor galego alén da retranca” e agora, dez anos máis tarde, presenta “A retranca, un intento de clarificación” para delimitar o termo e non confundilo con outros tipos de humor.

PUBLICADO O

Félix Caballero presentará a súa nova obra literaria, “A retranca, un intento de clarificación”, o vindeiro mércores 30 de novembro ás 20:00 h. na Libraría Cartabón de Vigo. No acto estará acompañado de Pepe Carreiro, humorista gráfico, debuxante e guionista de banda deseñada.

Pero coñezamos un pouco ao autor. Descubramos como este rioxano chega a Galicia, como se identifica co noso xeito de ser e como se ve seducido polo humor galego ata o punto de converterse nun gran estudoso do tema.

FÉLIX CABALLERO E GALICIA

Félix Caballero chega a Galicia no ano 1991 tras licenciarse en Ciencias da Información na Universidade de Navarra. Faino para traballar en Santiago de Compostela como xornalista en El Correo Gallego.

No xornal compostelán estivo traballando dez anos e despois mudou a súa residencia á cidade de Vigo, onde colaborou nos xornais Ríadevigo.com e España Exterior. Nesta cidade acada o doutoramento en Investigación en Comunicación con mención de doutor internacional (Universidade de Vigo, 2015) dedicándolle a tese ao seu admirado Xaquín Marín. O título do traballo foi Xaquín Marín: innovación e tradición no humor gráfico galego.

“Dende o primeiro momento descubrín que tiña carácter galego, sentinme sempre moi cómodo”

Cóntanos Félix que non tiña ningún antecedente con Galicia e só como coincidencia refire que o seu avó, na súa profesión de notario, estivo tres anos en Cuntis, localidade na que naceu súa nai. Aínda así, recoñece que “dende o primeiro momento descubrín que tiña carácter galego, sentinme sempre moi cómodo”. Séntese, en definitiva, un galego de adopción.

COMUNICADOR VOCACIONAL

Tamén queremos saber como xermola en Félix o seu interese pola comunicación e dinos que xa de cativo lle gustaban os xornais e as revistas.“Meus pais traían á casa dous xornais cada día”, di. Daquela xa comezaba a prestarlle moita atención ás viñetas de humor e lembra que el mesmo confeccionaba os seus propios diarios.

Cando lle chegou o tempo tiña claro que quería facer xornalismo, e matiza o noso entrevistado “xornalismo escrito, eu quería escribir en xornais, que non é o mesmo que ser xornalista”. Comenta o anterior explicando que ao ser tímido a el non lle resultaba doado ir ao encontro da xente, non tiña moitos contactos nin tiña madeira de relacións públicas. A Félix o que sempre lle gustou foi entrevistar á xente e contar historias cun obxectivo ou fin divulgativo.

INTERESE POLO HUMOR GALEGO

O noso entrevistado recoñece que sempre lle gustou o humor en xeral e nas súas diferentes manifestacións. Lembra que lle gustaban Gila e Tip y Coll, que era fan de Woody Allen xa con 17 anos, e tamén –como dixemos– que seguía as viñetas de humor dos xornais.

E ao chegar a Galicia, máis do mesmo, viu que aquí tamén había grandes manifestacións humorísticas en teatro, televisión, prensa… Precisamente neste medio atopa a Chumy Chúmez, polo que recoñece ter unha gran devoción, e a Xaquín Marín, un grande do humor gráfico ao que ademais da tese xa comentada dedicoulle no ano 2018 un ensaio de investigación: Xaquín Marín: arte e compromiso no humor gráfico galego (Editorial Galaxia).

Tanto é o interese que sente polo humorismo galego que publicou dous libros de entrevistas a humoristas gráficos galegos: O humor en cadriños. Conversas con Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e Pepe Carreiro. Cangas (Editorial Morgante, 2012) e O humor en cadriños II. Conversas con Pinto & Chinto, Santy, Davila, Leandro, Kiko da Silva e Meixide. (Editorial Morgante, 2017); e un pequeno ensaio sobre a retranca tamén no ano 2012: O humor galego alén da retranca. (Editorial Morgante).

NOVA PUBLICACIÓN SOBRE A RETRANCA

Chegados a este punto preguntámoslle a Félix Caballero pola súa nova obra, outro ensaio sobre a retranca que presenta na Libraría Cartabón de Vigo: “A retranca, un intento de clarificación”.

“No libro veño a dicir que esta identificación da retranca co humor galego non procede. A retranca non é propiamente humor”, di Caballero. Abondando nesta afirmación di que quere vencellar máis a retranca coa reserva, coa cautela e non utilizala como humor. De aquí que recorra no título do libro á palabra “clarificación” querendo diferenciar a retranca do que non o é. Como anécdota lembra tamén que cando chegou a Galicia tiña unha idea que agora considera equivocada: identificar ironía con retranca.

“No libro veño a dicir que esta identificación da retranca co humor galego non procede. A retranca non é propiamente humor”, di Caballero

Comenta Félix que a idea de meterse a debullar sobre este tema xurdiulle a partir de dous achados. Un deles foi o descubrimento dun artigo de Paz Andrade dedicado á sorna –don primario do galego segundo dicía– no que diferenciaba xa a propia sorna da retranca. E o outro apareceu lendo unha intervención de Xosé Lois O Carrabouxo na XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral que se celebrou en Lugo no 2020 e que versaba sobre ‘O humor na literatura de tradición oral’. Neste caso, o que lle moveu os marcos do concepto retranca foi ver que Xosé Lois clasificaba o humor galego en 5 modalidades: retranca, rexouba, trasacordo, retrónica e sorna. Velaquí que a retranca sería un elemento máis pero non o único e paradigma de todo.

Para este investigador a definición de retranca é “falar con segundas intencións, incluso con burla encuberta”, e a que defende el é “habelencia para dicir o que se quere e non o que os outros queren que digas e sen que aos demais lle pareza mal”. Sería, pois, unha ferramenta de autodefensa, de cautela, un xeito de saír airosamente dunha situación sen comprometerse. E velaquí que non debe confundirse, por exemplo, coa sorna. Segundo Félix, este recurso “é unha forma de defensa pero pasando ao ataque ou á burla”. E pon como exemplo unha viñeta de Castelao na que se dá a seguinte conversa:

-Os taberneiros sodes mala xente.

-Será porque tratamos con borrachos.

A obra, en definitiva, intenta delimitar o termo para non confundilo con calquera outro tipo de humor recorrendo incluso a textos de Xaquín Marín e Luis Davila para identificar situacións de retranca e outras que non o son.

ÚLTIMAS

Por que foi anulado o plan de urbanización do Barrio do Cura?

O xulgado do contencioso administrativo 1 de Vigo ditou sentenza pola que declara nulo...

O bus urbano alcanzan unha operatividade do 98 % en días laborables tras o fin da folga, segundo Vitrasa

O servizo de bus urbano de Vigo recupera a normalidade tras máis de 3 meses...

Retencións de varios quilómetros na AP-9 ao seu paso por Vigo tras producirse un accidente e unha picada de roda

Un accidente entre un camión e un coche e unha picada de roda doutro...

Ferida unha persoa tras ser atropelada en Vigo

Unha persoa resultou ferida na mañá deste martes tras ser atropelada por un vehículo...