InicioCulturaJohn Cale, xenio fundador da Velvet, achegouse a Galicia quizais por última...

John Cale, xenio fundador da Velvet, achegouse a Galicia quizais por última vez

PUBLICADO O

John Cale, historia viva da música, estivo no EDP Festival de Vilar de Mouros, a só uns poucos quilómetros da fronteira con Galicia, tan preto da Guardia, de Tui. E pode que a desta fin de semana fora a derradeira ocasión, entre o pouco comúns que son as súas actuacións e a súa avanzada idade, que os galegos desfrutamos do seu xenio.

O seu compañeiro e tamén rival, Lou Reed, deixounos xa. Por non falar do seu mecenas, Andy Warhol, de Nico, ou doutros tantos.

En Vilar de Mouros, ante unha lúa chea (o escenario non tanto), Cale amosou o seu eclecticismo e a súa xenialidade. Pode ser o máis antigo de todos e tocar Chopin, e un tema despois converterse á modernidade e o vangardismo, sonar máis contemporáneo que o derradeiro cantante de trap.

Antigos membros de bandas nin a metade de lendarias e inspiradoras do que foi a Velvet Underground necesitan dos seus himnos de hai décadas para estar á altura en concerto.

Cale acabou co “I´m waiting for the man”, pero non porque el o necesitara, senón como un regalo, unha concesión ao público, entendendo que non coñecerá a meirande parte da súa carreira en solitario. A fin de contas, el era a vertente experimental dunha banda tan diferente como a Velvet.

Foi unha oportunidade única: escoitar en directo un dos temas máis atemporais dunha das maiores agrupacións da música popular, decisiva na súa evolución. Como escoitar “Hey Jude” dos Beatles, ou “I can´t get no (Satisfaction), dos Stones.

Calquera festival de rock do mundo sonaría moi distinto se este home non existira, como os belgas dEus, que tocaron despois, recoñeceron.

Xusto antes, nun tema que dixo que era “novo”, posto que a creatividade non ten fin, mesturou moderno e antigo, complexo e tribal, indíxenas do amazonas e androides que falan con ovellas eléctricas.

Agora, segundo reza a lenda, deberiamos todos montar unha banda. Cale, xa nos 76, resiste tan vigoroso como o mito que contribuíu a crear. E montou un concerto potente, hipnótico, desa hipnose a un chisco de estoupar que tanto lle gusta, levar a arte ao seu límite.

E o mellor de todo foi cando, trala última nota, adorado polo público, marchou coxeando do escenario, mentres coreaban o seu nome. Coxea! É humano, a fin de contas.

 

 

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...