James: o gran “clímax” do Festival de Vilar de Mouros chegou ata Vigo

James en Vilar de Mouros/ Daniela Aleixo

No seu último día, o Festival EDP Vilar de Mouros (concello de Caminha, moi preto da fronteira con Galicia) contaba cun gran cartel, entre a lonxevidade eterna de John Cale e Los Lobos, e a enerxía e virtuosismo art-rock de dEus. Mais o público semellaba un ente pasivo, ou canto menos adormecido.

Entón chegaron desde Manchester os James. O seu nome non podería ser máis estándar, pero desde a súa primeira canción, desde a súa singular maneira de presentarse (con percusións), deixaron clara a súa grandeza ata para o que pasaba por alí, e non coñecía temas como “Getting Away With It” “Sit down” ou “Laid”, que poderían ser un tema pop máis, mais teñen ese algo especial.

James en Vilar de Mouros/ Daniela AleixoO seu cantante, Tim Booth, liderou o asalto. Ataviado con roupas anchas (facendo honor ao seu lado máis “Madchester”) e co pelo rapado e perilla, parecía unha mestura entre Edward Norton en American History X e máis ben todo o contrario, un místico que acadou o Nirvana. Non sorprendeu a ninguén que, ao despedirse e inclinarse ante o público, chegase coas mans ao chan.

Desde logo, non pode haber unha proba máis grande da súa entrega que o seu sorriso de satisfacción. Constante durante o concerto, sempre estaba alí, en cada primeiro plano. Como John Cale unhas horas antes, amosou que o máis grande artista é o neno, que sempre atopa xogo novo, capaz de mirar tódalas cousas como se fora a primeira vez.

Foi unha festa multitudinaria, que pechou o Festival de Vilar de Mouros dunha forma semellante a como o fixera Arcade Fire no Paredes de Coura, aínda que logo Crystal Fighters recolleran e prolongaran o bo ánimo do respectable.

James en Vilar de Mouros/ Daniela Aleixo

Pouco lle durou a Tim Booth a chaqueta. Bailou coma un demente ou mellor aínda, como Thom Yorke no videoclip de “Lotus Flower”. Saltou o valado, sostívose nas mans dos seus fieis. Animou a corear os temas. Navegou entre o público como unha barca na tormenta, sen parar de cantar en ningún momento.

Levábano como se non pesara xa nada, enerxía pura. E, por riba de tódalas cousas, amosou a fortaleza e calidade dun repertorio de xa máis de tres décadas.

James en Vilar de Mouros/ Daniela Aleixo

Nos días anteriores, tocaran Incubus, Editors e tamén Kitty, Daisy & Lewis.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here