Valença acolle este xoves a actuación de Xosé Lois Romero e Aliboria xunto con Omiri

O portugués Omiri vai sorprender cunha mestura de músicas e paisaxes sonoras de todo Portugal nun mesmo espectáculo. Empregando vídeos con gravacións de campo manipuladas para servir de base musical á composición e improvisación de Vasco Ribeiro Casais.

O proxecto galego de Xosé Lois Romero & Aliboria e o artista portugués Omiri, subirán ao palco do Jardim Municipal de Valença mañá xoves 29 de setembro ás 22H GZ – 21H PT para ofrecer dous espectáculos que se centran nas músicas de raíz, unha aposta que desde a organización se entende como a necesidade de promover a música tradicional interpretada desde unha visión contemporánea, como forma de garantir o seu futuro; unha tradición máis viva ca nunca, que está logrando posicionar as músicas de raíz de ambos territorios na vangarda da experimentación e nos tops das listas de reproducións.

Xosé Lois Romero & Aliboria vannos presentar as novas cancións publicadas neste 2022. Máis dunha ducia de músicos e músicas, armados só coa súa voz e a percusión tradicional galega; percusións clásicas de pandeiros, pandeiretas ou bombos, e percusións populares que se usaban na Galiza a principios do século XX: latas de pementón, chaves, tixolas, ou ferramentas para tallar a terra. As voces, todas femininas, harmonizan dun xeito tan sensible como salvaxe. Como se un coro da igrexa cantase a “haka” da selección de rugby de Nova Zelanda. Unha bestialidade marabillosa.

Pola súa parte, o portugués Omiri vai sorprender cunha mestura de músicas e paisaxes sonoras de todo Portugal nun mesmo espectáculo. Empregando vídeos con gravacións de campo manipuladas para servir de base musical á composición e improvisación de Vasco Ribeiro Casais, recupéranse prácticas musicais xa esquecidas, facéndoas permeables e accesibles á cultura dos nosos días, sincronizando formas e músicas da tradición rural portuguesa. Nos últimos anos Omiri consolidouse como un dos proxectos musicais máis internacionais de Portugal, levando a cultura portuguesa ás principais salas e festivais do mundo. En directo, Vasco Ribeiro Casais actúa con Maria Antunes, Guilherme Brak-Lamy e Rafaela Pinto, tres danzarin@s que dan corazón ás coreografías de Filipa Peraltinha nunha mestura de hip-hop, danza contemporánea e tradición. O concerto está aberto ao público xeral con entrada libre.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here