InicioCulturaArcade Fire despide o Paredes de Coura demostrando por que son unha...

Arcade Fire despide o Paredes de Coura demostrando por que son unha das bandas do século

PUBLICADO O

Non hai preto de Vigo festival máis grande que o Vodafone Paredes de Coura. O seu cabeza de cartel deste ano, Arcade Fire, está considerado por numerosas publicacións, entre elas a Rolling Stone, como unha das maiores agrupacións do momento e os herdeiros da coroa do rock independente. Pero estiveron á altura de todas as expectativas.

Os canadenses, artistas puros que tanto inclúen violíns como sintetizadores, son o “verdadeiro indie” e teñen unha recua de admiradores, máis imitalo poden poucos. Encheron ata rebentar o principal escenario do Festival, e ninguén moveu un pé ata que non marcharon na súa furgoneta (e Win Butler, un dos líderes da banda, espiuse e tirou a súa roupa aos fans).

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Hai uns anos, cos seus últimos discos, perderon se cadra a unanimidade en eloxios por parte da crítica, e tanto “Everything Now” como “Reflektor” recibiron opinións dispares, cando o seu debut, “Funeral”, “Neon Bible” e o épico “The Suburbs” gañaran por goleada o corazón dos melómanos. 

En particular, o seu primeiro disco fora unha homenaxe á vida e á morte que sorprendeu a todo o mundo e os catapultou á fama.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Pero en directo funcionou todo, o novo e o antigo, aínda que por suposto o máis coreado foran os seus maiores éxitos, aqueles himnos á felicidade (escritos moitas veces dende a tristeza) que son as marabillosas Wake Up, Rebelion (Lies), Keep the cars running, No cars Go, Ready to Start, Sprawl II (Mountains Beyond Mountains), Afterlife…

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Cancións, como di o outro, “máis grandes que a vida”, celebradas por un público entregado durante as dúas horas que durou o concerto, o máis longo de todo o festival, no que a formación canadense amosou o seu virtuosismo e versatilidade.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Amosaron ademais un sentido do espectáculo digno dos máis grandes, á altura de calquera lenda, como os inesquecibles Queen. Os de Montreal aínda non o son de todo porque non marcharon.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Do primeiro ao último desta numerosa agrupación, entregáronse sobre o escenario, bailaron, suaron, gritaron, estranguláronse uns a outros como osos pequenos xogando.

E o público volveuse tolo, máis cando regresaron a rematar a faena cos dos últimos temas. Pediron luces ao público, corearon, entregáronse. E, ao final, Butler, que xa camiñara entre os mortais, cantou cos miles de presentes como quen o fai cun amigo, e acordouse de Lou Reed.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Foi un espectáculo sonoro e tamén visual, con movementos espectaculares, cambios de vestimenta, vídeo, efectos de luces… Podería ter durado tres horas, ou repetir 5 veces a mesma canción, o dinamismo non se resentiría.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Arcade Fire deixouno claro e o respectable, outras veces intransixente, entendeuno: o trono é seu. Teñen un repertorio enorme, temas que nos levan nun mar de emoción ata o máis alto, e un sentido da teatralidade, da traxedia e a celebración que converte todo o que fan sobre o escenario en compartido. Unha catarse colectiva.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

Con talento e entrega, conseguiron fusionarse co público e facer odiosas todas as comparacións.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

XORNAL DE VIGO VISITA PAREDES DE COURA

Concerto de Slowdive: Centos de vigueses visitaron o Festival Paredes de Coura… e Slowdive levounos ata un lugar sen nome

Concerto de Skepta: Skepta, o concerto máis rabioso do Festival Paredes de Coura

Concerto de Dead Combo: Paredes de Coura non se esqueceu dos artistas do país

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...