Home Cultura Centos de vigueses visitaron o Festival Paredes de Coura… e Slowdive levounos ata un lugar sen nome

Centos de vigueses visitaron o Festival Paredes de Coura… e Slowdive levounos ata un lugar sen nome

0
Centos de vigueses visitaron o Festival Paredes de Coura… e Slowdive levounos ata un lugar sen nome
Slowdive/ Miguel Núñez

O Festival Vodafone Paredes de Coura 2018 cativou a este pequeno e fermoso pobo portugués, pertencente a Viana do Castelo, que no seu día a día non alcanza os 10.000 habitantes.

Tamén aos milleiros de persoas que se achegaron como cada ano, moitas delas galegos que cruzaron a fronteira para desfrutar de boa música, sumándose a afeccionados de toda Europa.

Este Festival foi lugar de peregrinaxe para multitude de vigueses, en busca de grandes grupos e artistas como Arcade Fire (cabeza de cartel e peche por tódolo alto), Fleet Foxes, Dead Combo ou Slowdive. Catro días en total, do 15 ao 18 de agosto, máis o “bonus track” do 19 coa actuación de DJs.

Slowdive/ Miguel Núñez

A organización deste festival confeccionou un cartel heteroxéneo, que agrupa a práctica totalidade dos estilos da música popular: rock, pop, rap, electrónica, soul, jazz… E nos rostros do público distínguense os efectos sonoros de cada artista.

O de Slowdive, que xa tocaran en Paredes no ano 2015 cunha actuación que a propia organización recorda como máxica, foi un concerto breve (ao redor dunha hora), que comezou con absoluta puntualidade e non chegou ás dez cancións pero hipnotizou ao respectable.

Slowdive/ Miguel Núñez

Slowdive mesturan evasión con paixón, e iso aparece reflectido na tenue ou extremada vibración de cada rostro. Pechar os ollos para sentir algo máis profundamente o inevitable empurrón ao infinito.

Slowdive son unha banda inglesa formada en 1989, que converteuse nos 90 nun dos tres maiores referentes dun novo subxénero do rock chamado shoegazing. Eran My Bloody Valentine, os máis radicais e vangardistas, Ride, non tan enfrontados co pop e rock tradicional, e Slowdive, que poñen a emoción por riba de tódalas cousas.

Publico
Slowdive/ Miguel Núñez

Estes grupos deixaron unha triloxía de obras mestras do estilo, relevantes incluso para a historia xeral da música popular: “Loveless”, “Nowhere” e “Slovlaki”. Mais todos terminaron abandonando ante a avalancha brit-pop de Oasis, Blur, Pulp e compañía, que acaparou as revistas (eran tempos sen Internet) e terminou por relegalos a un segundo ou terceiro plano.

O tempo, que todo o cura, puxo a estas bandas no seu lugar, e cada unha delas terminou por retornar aos escenarios, sendo se cadra Slowdive unha das mellor paradas polo éxito do seu “Slowdive” (2017), moi respectado polos críticos, os cales o consideraron á altura da lenda por unanimidade.

Slowdive/ Miguel Núñez

Se non, non tería sentido volver dúas décadas despois e titular a túa obra co nome do grupo, toda unha declaración de que os anos non correran en contra para o talento. Tralo seu regreso, Slowdive tocaron en numerosos festivais e auditorios (tamén en Vigo, na primavera deste ano).

No Festival de Paredes, a maioría de temas foron do novo disco, non tendo tanto en conta  a importancia individual das cancións do seu repertorio e das súas diferentes etapas (son en total 4 albumes e varios EP´s) como reivindicar o presente. Pero coa calidade de temas como Slomo, Sugar for the pill ou Star Roving, que ata formou parte da BSO do FIFA, o público entregouse sin conflitos.

Slowdive/ Miguel Núñez

Tamén houbo tempo para algúns dos seus maiores temas, como Catch the Breeze ou When the Sun Hits, que tocan a alma. E a música de Slowdive é fermosa, mais non suave: nace, transfórmase e morre a máxima intensidade.

Títulos meteorolóxicos para un grupo atmosférico, que levou aos presentes a outro lugar ou a eles mesmos. Cada fotografía o demostra.

Slowdive/ Miguel Núñez

O termo shoegazing, como a “etiqueta” de tantos outros estilos ou subxéneros, naceu como unha simple mofa: eran guitarristas que non deixaban de mirarse os pés, uns por timidez, todos para facer uso das pancas de efectos e acadar ese son distorsionado e envolvente.

Slowdive/ Miguel Núñez

E xurdiron algúns grupos, nos 90 e tamén neste “revival” da actualidade que chega ata o Xapón. Polas propias características do estilo, incompatible co gusto das masas, nunca foron nin serán moi grandes, máis ben unha desas xoias ocultas que a cultura universal agocha por milleiros.

Slowdive/ Miguel Núñez

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here