InicioCulturaO último concerto en beneficio de todos: "Lo sentimos mucho, no volverá...

O último concerto en beneficio de todos: “Lo sentimos mucho, no volverá a ocurrir”

Non foi en Vigo, pero a cidade e Galicia estiveron presentes todo o concerto. Siniestro Total puxo en Madrid fin ás súas aventuras escénicas tras catro décadas. Foi unha troula frenética.

PUBLICADO O

27 de decembro de 1981, Miguel Costas, Julián Hernández, Alberto Torrado e Germán Coppini (falecido o 24 de decembro de 2013) subíronse ao escenario do festival Nadal Rock no Cine Salesianos de Vigo. Presentáronse como Siniestro Total. E aquilo o mudou todo en Vigo… e en Madrid. Inaugurábase, sen eles sabelo, a movida viguesa, contrapondo o obrerismo vigués, os riffs punks, letras salvaxemente incorrectas a ollos dos puritanos de hoxe (e de entón) e a retranca galega cargada de altas doses de intelectualidade, coa pose ‘pijoglamurosa’ dos ennobrecidos e acomodados músicos da movida madrileña. Era obvio que por moito que insistisen algúns en unilos e unificalos, aqueles eran universos distintos. E colisionaron en 1986, na xa mítica excursión ás “provincias” que fixeron as bandas madrileñas, nun tren cargado de alcol, drogas, esnobismo e soberbia centralista que lles levou a Vigo, a un suposto irmandamento cos grupos vigueses do momento patrocinado pola política (nada punk). Alí acabou aquela farsa do “Madrid escríbese con V de Vigo” e as apoloxías ao irmandamento entre dúas cidades e dúas “movidas” antitéticas en todas as súas dimensións. Fabio MacNamara lanzando unha botella ao alcalde vigués Manoel Soto e Alaska chamando “Manueliño” ao rexedor fixéronnos o enorme favor de acabar con aquela pantomima. Algúns daqueles que arribaran en Vigo como adalides do moderno, a contracultura e a progresía madrileña e española, acabaron quitándose co tempo as caretas, destapándose como auténticos ultraconservadores, fans da dereita e da ultradereita española, o lado oposto de onde milita Siniestro Total; porque, aínda que nos de Vigo hai moito hedonismo e retranca, tamén hai militancia obreira e progresista, e moita e moi áceda crítica social e política á España resesa.

Pero catro décadas despois, sen embargo, Siniestro Total decidiu pór en Madrid, non en Vigo, o punto final á súa andaina polos escenarios. A decisión doeu entre os seus fans vigueses, entre os que os viron no Salesianos aquel 27 de decembro de 1981, entre os que compartiron con eles as barras dos bares e pecharon locais nocturnos ao abrente do día, entre os que fixeron de Siniestro Total un emblema da cidade e distintivo de identidade viguesa, ou entre os que os veíamos pasar cada día polo barrio do Calvario como os nosos rockeiros veciños.  Así que, para poñer paz, Miguel Costas decidiu salomonicamente que nin Vigo nin Madrid. “¡Buenas noches, Santander!”, espetou ao público ao saltar ao escenario, para iniciar dúas horas e media de frenético repaso ao seu repertorio máis emblemático, nada máis e nada menos que unha corentena de cancións.

Quixo tamén Julian Hernández fumar a pipa da paz coa parroquia viguesa, á que apelou en varias ocasións (“os de Vigo!”) e dedicou o seu “Fuimos un grupo vigués”, á vez que rendou homenaxe nun par de ocasións ao barrio que os pariu. Polo menos por dous días, Madrid escribiuse con C do Calvario de Vigo. Non faltaron tampouco a bandeira de Vigo no escenario, ao final do concerto, e as mencións ao Celta na praza madrileña. Siniestro Total militou sempre no “viguismo”. Alá onde foron, presumiron del coas súas cancións e os xocosos, surrealistas e intelectuais discursos do locuaz Julián Hernández. O sábado, na súa despedida, volveron facelo entre miles de madrileños e de fans chegados de toda a península, moitos de Vigo e outros lugares de Galicia que se fixeron notar.

En 40 anos, Siniestro Total foi mudando, transitando do punk ao rock e, desde aí, explorou o blues, o soul ou o country. E do católico, apostólico e romano Colexio Salesianos de Vigo, saltou de escenario en escenario ata chegar ao macrorrecinto madrileño patrocinado por un megabanco dixital, o WiZink. Unha viaxe lisérxica e surrealista para unha banda criada no punk.

Na súa formación tamén viviu varias transicións: da formación orixinal, faltan Alberto Torrado e o falecido Germán Coppini, e Miguel Costas volveu só para esta despedida como convidado estelar, despois de saír do grupo en 1994 (durante o concerto tamén se sumaron en dous breves aparicións no escenario Torrado e o tamén ex Siniestro Segundo Grandío). Tal vez foi a saída de Costas o momento no que Siniestro deixou de ser Total. Igual que Guns N’ Roses deixou de ser Guns e quedouse en Roses coa saída do seu guitarrista fundador Izzy Stradlin, tras a gravación dos discos ‘Use Your Illusion’ I e II, os de Vigo tamén perderon parte da súa alma coa marcha de Costas, máis traumática que a do mesmísimo Germán Coppini, quen decidiu deixar a banda para converterse no Morrissey vigués (soése dicir que se Manchester tivo a Morrissey, Vigo tivo a Germán Coppini) e ao que recordou Julián Hernández na última cita cos fans, ademais de tocar no seu honor “Ponte en mi lugar”.  Polo que os dous concertos deste fin de semana en Madrid probablemente foron moitísimo máis saborosos para os seus fans que todos os que fixeron nos últimos cinco lustros xuntos. Había morriña de Costas.

No último concerto da banda, o do sábado 7 de maio, comprobouse empricamente que a xente tiña morriña do Siniestro Total orixinal. Os decibelios e a axitación dos fans disparábanse con cada clásico dos 80 e primeiros 90 (os máis) e baixaba cos temas posteriores ao seu álbum ‘Made in Japan’ (1993), o último con Costas. Houbo ardor cando se entoaron as letras (a singularidade de Siniestro) máis irreverentes, subversivas, sarcásticas, irónicas, surrealistas e tamén iso que os líderes da (auto)censura chaman hoxe “politicamente incorrectas”. Letras para acabar sentados como acusados nunha sala da Audiencia Nacional, no marco do estado de terror de expresión no que vivimos. “40 anos sen pisar a Audiencia Nacional”, o seu lema para estes dous concertos de despedida dos escenarios, era un final inesperado, inimaxinable.. . Quen podía pensar nos 80 e 90 que acabaríamos así no 2022, con medo a expresarnos libremente? Os ‘siniestro’ presumen de ter sobrevivido á crecente ola de represión da liberdade de expresión. Non é para menos. A súa despedida é unha apoloxía a este dereito fundamentalísimo.

A éxtase que xeran no público letras de cancións que falan de Vigo e Galicia fai comprender que non somos de onde vimos, senón de onde imos… mental, moral, ética, cultural, física e bioloxicamente. Hai hedonismo en Siniestro Total, tamén activismo e conciencia de clase, pero tamén filosofía, historia, antropoloxía, física e química… Que un tipo de Vallecas entre en trance cando soan “Miña terra galega”, “Bésame, soy gallego”, “Fuimos un grupo vigués” ou “Rock en Samil” merece un estudo científico.

E que miles de persoas aínda sigan acirrando un asesinato cun piano como arma, celebrando a morte dun toureiro na praza, animando a “matar jipis en las Cíes”, berrando “cuánta puta y yo qué viejo”, abrazándose “borrachos como cubas” e suplicando a Ayatolah que non lles “toque la pirola más”, é un oasis no deserto da corrección política, unha festa ‘ilegal’ no confinamento da libre expresión e da creatividade que nos queren impor.

Foron unhas 25.000 voces dúas noites, para acompañar nos coros a Julián Hernández e Miguel Costas, pero tamén ao guitarrista Javier Soto, quen cantou “Fuimos un grupo vigués”, ao baixista Óscar Avendaño, que interpretou como vocalista “Sobre ti”, e a Alberto Torrado, que apareceu para cantar “Tumbado a la bartola”. A eles sumouse Segundo Grandío, outro ilustre exmembro (baixista de Siniestro entre 1988 e 2001), que subiu ao escenario para participar en “Pueblos del mundo, extinguíos”.

Non houbo en dúas horas e media tempo para tomarse un respiro, nin bises nin sets acústicos (ironizaron coas bandas de rock que os fan e Hernández, tras un simulacro para “cancións e baladas dos oitenta” rompeu contra o chan unha guitarra acústica), demostrando que Siniestro Total tamén se revolve contra as fórmulas estandarizadas. Foi un concerto eléctrico e frenético para esta última festa, rexida por outro ilustre convidado, o que deu nome á banda, o Renault 12 co que se estrelaron unha noite de troula en Vigo. en agosto de 1981, que presidiu na pantalla do escenario todo o concerto.

O peche ao concerto e ás aventuras sobre os escenarios da banda púxoo o seu himno “Somos Siniestro Total”.

Somos tan sabios y tan inteligentes
también somos modestos y gente muy decente
Oye nena, somos artistas
no somos de Monforte, no nos pierdas de vista
que cuando el grajo vuela bajo
y hace un frío del carajo hay que tomar sopas de ajo
nosotros somos gente de Dios
pero ya es la hora, así que apaga y vámonos

Somos Siniestro Total

Último aplauso e maxestuoso epitafio paródico na pantalla do escenario: “Lo sentimos mucho, no volverá a ocurrir”.

O 7 de maio de 2022 será recordado, polo menos en Wikipedia, como o día que Siniestro Total se despidou dos escenarios… e da Audiencia Nacional. Aínda que, como vostedes ben saben, nos bares e no rock non hai última, senón penúltima. Disto, Mick Jagger e Julián Hernández saben abondo.

IFrame
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...