InicioCulturaO 'Rías Baixas Filme Festival' reafirma a súa aposta polo audiovisual da...

O ‘Rías Baixas Filme Festival’ reafirma a súa aposta polo audiovisual da provincia

Inicia a súa segunda tempada coas citas de Tui (Play Doc, do 4 ao 8 de maio) e O Porriño (Festival de Cans, do 18 ao 21 de maio).

PUBLICADO O

O ‘Rías Baixas Filme Festival’, a marca que aglutina os 8 certames máis destacados do audiovisual da provincia de Pontevedra, quenta motores para iniciar a súa segunda tempada coas citas de Tui (Play Doc do 4 ao 8 de maio) e O Porriño (Festival de Cans do 18 ao 21 de maio), e reafirma a súa aposta por esta industria, que xa é “referente” en Galicia e a nivel estatal.

Así o trasladou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante o acto de presentación desta segunda edición do ‘Rías Baixas Filme Festival’, e subliñou que hai unha “potentísima cultura vinculada ao cinema na provincia”. Respecto diso, puxo en valor a “ambición” das persoas e entidades que puxeron en marcha os proxectos nos diferentes municipios e que fixeron que a cultura “ocupase en espazo central”.

Silva tamén se confesou “preocupada” pola influencia dos “grandes poderes económicos” deste sector e o “enorme poder das plataformas”, que promoven a mirada e o pensamento únicos, e fan aos espectadores recluírse nas súas casas para consumir estes produtos.

Por contra, incidiu, os festivais de cinema axudan a construír unha sociedade diversa, apostan por creadores independentes e promoven o pensamento crítico, ademais de permitir o contacto directo cos autores. “E a administración ten a obrigación de apoiar as grandes ideas, estar á beira dos creadores e dos eventos que, como estes festivais, levan os municipios de vida e de xente que sorrí”, proclamou.

Na mesma liña, o director do FIC Bueu, Manuel Pena, tamén puxo en valor o traballo das asociacións que, con poucos recursos, organizan estes festivais con “paixón polo cinema e a cultura”. “O impacto do audiovisual galego é cada vez maior e conflúe con outras disciplinas, pero non é suficiente, hai que ser ambiciosos e chegar máis aló”, afirmou.

Mentres, a responsable de programación do Festival Primavera do Cinema, Ana Gontad, animou a volver ás salas e aos festivais “despois de dous anos de pesadelo pandémica” e agradeceu á Deputación de Pontevedra o seu “apoio militante á cultura”.

A programación do Rías Baixas Filme Festival inclúe a celebración do XVIII festival Play-Doc en Tui (do 4 ao 8 de maio); o XIX Festival de Cans (do 18 ao 21 de maio); o XI Primavera do Cinema de Vigo (do 6 ao 11 de setembro); o XV FIC Bueu (do 11 ao 24 de setembro); o Galician Freaky Filme Festival #6 ( o 23 e 24 de setembro e do 28 de setembro ao 1 de outubro); o VII Festival de Cinema Inclusivo de Vigo (do 18 ao 22 de outubro); o 50º Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía (do 21 ao 30 de outubro) e o VII Festival Novos Cinemas de Pontevedra (do 13 ao 18 de decembro).

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...