InicioCulturaUn proxecto europeo busca sacar do illamento ás escolas rurais e convertelas...

Un proxecto europeo busca sacar do illamento ás escolas rurais e convertelas en referentes

O grupo CIES deseñou o seu programa formativo, que serve de guía a preto de 60 docentes.

PUBLICADO O

O proxecto europeo Green SEEDS (Sinergy and Environment to Empower Decentralised Schools) ten como principal obxectivo contrarrestar o risco de illamento das pequenas escolas rurais a través do debate e o traballo conxunto entre profesorado e alumnado de centros educativos situados no rural, en illas ou en montañas de cinco países do sur de Europa.

Financiado polo programa comunitario Erasmus+, este proxecto implica o desenvolvemento de actividades formativas conxuntas entre escolas de España, Italia, Croacia, Grecia e Chipre baseadas no patrimonio natural e cultural das súas contornas. Actividades que deseñan e realizan conxuntamente docentes e escolares de diferentes países e que toman como punto de partida o programa formativo deseñado polo grupo de investigación Cies.

“O proxecto quere facer ver que as escolas rurais ou pequenas poden pasar de ser un problema, polo seu illamento, a ser un recurso, porque son escolas moi vinculadas á súa contorna”, salienta a catedrática Ángeles Parrilla, coordinadora do grupo responsable da formación dos preto de 60 docentes de diferentes niveis educativos dos cinco países que participan no proxecto. Os módulos deseñados polas investigadoras e investigadores da UVigo, dispoñibles en seis idiomas na web de Green SEEDS, serviron como base para as actividades, centradas en cuestións medio ambientais, que, valéndose de internet, ao longo deste curso desenvolveron por parellas 20 clases de pequenas escolas. 

Segundo sinalan os seus responsables, este proxecto busca promover, a través de internet, a interacción entre docentes e estudantes que, “aínda que xeograficamente distantes, comparten realidades sociais e ambientais moi similares”. Nese senso, Parrilla destaca que o proxecto “pretende converter en recurso un tipo de escolas que soen ser as grandes esquecidas”, co obxectivo final de que toda esta serie de actividades vinculadas ao medio ambiente “poidan levarse ás escolas urbanas”

FORMACIÓN QUE PARTE DA DIVERSIDADE

O grupo Cies responsabilizouse da primeira fase dun proxecto que, como lembra a súa coordinadora, implica traballar con “escolas moi heteroxéneas, nas que conviven, ás veces nunha mesma aula, alumnos diversos en idade, orixe, cultura e capacidades, con condicións persoais, sociais e familiares diferentes”.

TRABALLO CONXUNTO DE PARELLAS DE ESCOLAS DE DISTINTOS PAÍSES

Tras esta formación, o seguinte fase implicou o “emparellamento” das escolas participantes, como é o caso do CEIP Espiñeira cun colexio do val de Aosta (Italia), para traballar conxuntamente. “Os centros irmandados decidiron conxuntamente, a partir dunha serie de propostas, en que temas relacionados co medio ambiente ían traballar”, explica Parrilla.

“Para os nenos e nenas está a ser un proxecto moi enriquecedor e motivador, é unha formación participativa, que lles está dando voz e na que non só conectan e se responsabilizan da súa contorna, senón que fano abríndose a outras culturas e comunidades”, salienta Parrilla, que destaca tamén o positivo desta iniciativa para as e os docentes participantes e para o propio grupo de investigación.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...