Cs propón que Vigo volva ser un referente “como foi durante a Movida”

Pide crear en Vigo un festival de series de televisión e novas plataformas.

O coordinador local de Cidadáns en Vigo, Miguel Branco. CIDADÁNS

O coordinador de Cs en Vigo, Miguel Blanco, instou ao Concello de Vigo a impulsar a creación dun festival de premios ás producións e actores de series de televisión e novas plataformas como Netflix, HBO ou Movistar.

Nun comunicado remitido aos medios, Branco considera que a cidade olívica “perdeu nas últimas décadas gran parte do contido e actividade cultural que posuía” e conta, na actualidade, cun tecido cultural e artístico “totalmente desabastecido e orfo de iniciativas por parte do goberno local”.

“Vigo converteuse nun auténtico páramo cultural, fóra dalgunhas iniciativas privadas. É necesario reverter esta situación para que volva ser un referente cultural como o foi durante a Movida“, apunta o coordinador local de Cidadáns.

Ante esta cuestión e despois de que o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e alcalde de Vigo, Abel Caballero, pedise que as administracións locais xestionen os fondos de recuperación en materia de cultura e deporte, Miguel Branco propuxo chegar a un acordo entre a Xunta, a deputación e o Ministerio de Cultura para realizar unha importante aposta polo Vigo cultural.

As series e as súas plataformas de visualización están a substituír en demanda e investimento ás producións cinematográficas. Vigo debe aproveitar este cambio de demanda para acompañar ás produtoras galegas no seu crecemento e para recuperar o que foi na dimensión cultural, os cambios de tendencia xeran oportunidades e debemos de aproveitala”, destaca.

Neste sentido, propón celebrar o “Festival de Series Ría de Vigo” na segunda quincena de xuño. “A marca Vigo debe elevarse á dimensión cultural e ser un referente nacional para que sirva de polo de atracción e xerador de novos proxectos culturais”, considera.